publicidade hoxe

O Rio Natura Monbus Obradoiro sufre para gañar no Paco Paz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesMarínSantiago de Compostela
A-
A+
Encontro do Obradoiro e o Marín

Encontro do Obradoiro e o Marín

O Rio Natura Monbus Obradoiro sufriu no Paco Paz para gañar a un enchufadísimo Marín Ence Peixegalego e pasar á final da 30ª Copa Galicia, que será a súa sexta consecutiva. Nela enfrontarase ao gañador do COB – Leyma Basquet Coruña.

O partido comezou cun primeiro cuarto igualado no que ambos os equipos mostraron a súa calidade. Os cambios de vantaxe foron constantes. Rogers e Pantín mantiñan o marcador dos marinenses aceso, repartíndose case todos os puntos do equipo. Dos obradoiristas, saíu a pista ademais Pustovyi, que anotou a súa primeira canastra coa camiseta obradoirista, con tiro libre adicional tras falta. O ucraíno encestou até 6 puntos no primeiro cuarto. Mediados os minutos, primaron as defensas e o desacerto e cunha canastra baixo o aro de Koyanouba chegouse ao final do tempo cun 19-17.

Comezou o segundo período póndose por diante o Marín con dous roubos consecutivos de Oubiña e Ferreiro que acabaron na rede, un parcial de 6-0 en só dous minutos de cuarto. Deseguido reaccionaron os santiagueses, de novo con Pustovyi sacando un 2+1 e con Haws dando ritmo ao xogo. O equipo pontevedrés despediu momentaneamente a Green, cun corte no ollo, pero o compostelán Pantín remaba e tiraba do seu equipo. Un triplo de Bendzius desencadeaba unha intensa reacción dos marinenses, acertados desde todas as distancias e chegando a porse 10 por encima (29-39). Oubiña metía un incrible triplo contestado por outro de Cárdenas, chegando ao descanso 41-44 para o Peixegalego Ence.

Tras o descanso, os obradoiristas subiron a intensidade defensiva, pero os aros seguiron cuspindo tiros até a canastra de Bendzius, pasados os tres minutos de xogo, que veu arriba e anotaba un triplo a continuación. Haws continuou o refacho dando a volta ao marcador provisionalmente, nun cuarto con atasco xeral (parcial do cuarto, 7-7) que se pechaba 48-51, cos obradoiristas de novo sobre os talóns dos marinenses. 

Conseguiu Pozas inaugurar o último tempo cun triplo, a pesar da brillantez defensiva dos de Llorente. A base, con McGrath de escolta, botouse o equipo ás costas e o encontro seguiu con máxima igualdade. Os tiros libres de Pustovyi, máximo anotador da escuadra compostelá no seu debut (17 puntos) abriron unha pequena brecha apoiada por McGrath desde a liña de 6.75. Non deixa o Marín, con Green moi activo, escapar o partido. Decisivo foi Angelo Caloiaro, definindo até sete puntos neste último arreón. Pero Rogers desde o perímetro puña emocion aos últimos segundos de xogo, só dous abaixo para os seus. Finalmente a fortuna caeu ao lado obradoirista co 73-70 final que lle permite seguir soñando co trofeo. 

19 de setembro de 2015 | 20:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.