O Rio Natura Monbus Obradoiro presenta o Camiño da Ilusión 15/16

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O salón de usos múltiples do Centro de Innovación Cultural (CINC) da Cidade da Cultura acolleu a posta de longo de #ocamiñodailusion, proxecto do Rio Natura Monbus Obradoiro 15/16.

Con decenas de invitados e numeroso público, Marcos Pereiro e Fede Pérez foron os encargados de conducir un divertido e intenso acto no que estivo o consello de administración, os membros do Club de Empresas Obradoiro e das categorías base, ademais das autoridades santiaguesas como a directora da Cidade da Cultura, Beatriz González Maroño; a Concelleira de Deportes, Noa Morais, ou o Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete, quen clausurou o acto.

Raúl López abriu a noite lembrando o esforzo que supón manter este proxecto vivo, e convidando a todos a “non perder a perspectiva nin deixar de pór en valor o que isto supón con tan pouco apoio institucional e nunha cidade con menos de 10.000 habitantes”.

Tras a intervención de Noa Morais como representante do Concello de Santiago, foi a quenda dos xogadores que, un por un, recibiron fortes aplausos tras unhas curtas e cómicas presentacións individuais nas que luciron as pezas da nova tempada, incluída o equipamento coa que se xogará a Copa do Rei na Coruña, baixo a atenta mirada da Copa, presente no evento. A presentación das pezas de Vive, xa á venda, estivo apoiada polo propio director xeral da firma, Juan Pedro Parra.

O adestrador, Moncho Fernández, aproveitou a súa quenda para facer memoria dos cinco anos do corpo técnico no club, “coa ilusión intacta e crecendo día tras día” e pedir a todos os afeccionados que “sigan mantendo este soño coa súa”

Á foto de familia seguiuna a intervención de Jesús Chagoyen, que como capitán do equipo, fixo un chamamento á afección para que encha cada fin de semana o Fontes do Sar, empezando polo partido de presentación deste domingo. 

A música de Arévalo & Gianetto e un pequeno cóctel pecharon o acto, incluíndo no seu repertorio o inevitable Miudiño, coreado por todos os presentes. 

30 de setembro de 2015 | 21:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.