O Rio Natura Monbus Obradoiro prepárase para o I Torneo EncestaRías
O Rio Natura Monbus Obradoiro ultima xa os preparativos dos seus primeiros encontros de pretemporada, que terán lugar mañá e domingo no I Torneo EncestaRías celebrado en Vilagarcía de Arousa, no pavillón de Fontecarmoa. O torneo triangular levará á cidade a dous equipos máis de Liga Endesa que se medirán aos obradoiristas: o Movistar Estudantes e o Herbalife Gran Canaria. Precisamente, o campionato dará comezo hoxe mesmo ás 21.00 horas co encontro entre madrileños e canarios.
Será mañá ás 20.00 horas cando se estree sobre a pista o novo equipo de Moncho Fernández, ante o Movistar Estudantes do tamén galego Diego Ocampo. O domingo, o Rio Natura Monbus Obradoiro pechará o torneo co partido ante o Herbalife Gran Canaria ás 19.00 horas.
Os afeccionados que queiran asistir a esta festa do baloncesto poden comprar aínda os seus abonos para o tres días por só 30 euros, tanto nas principais clínicas Vitaldent, na tenda Tiro Libre SCQ como a través de www.masterseniorleague.com. Pola súa banda, quen desexe adquirir unha entrada para un único encontro deberá esperar a facelo en despacho de billetes ou na Praza de Galicia de Vilagarcía a partir das 13.30 horas de cada xornada. O prezo das mesmas é de 16 euros en prezo xeral e 12 euros para menores de 15 anos.











