O Rio Natura Monbus Obradoiro non pode co Herbalife Gran Canaria
O Rio Natura Monbus Obradoiro caeu na xornada de hoxe ante o Herbalife Gran Canaria, no partido encadrado no I Torneo EncestaRías. Os obradoiristas, que viñan de xogar onte co Movistar Estudantes, non resistiron o envite dun Herbalife Gran Canaria pletórico, que se enfrontou na xornada do venres aos madrileños e descansou na de onte.
A escuadra santiaguesa saltou a pista co mesmo quinteto de onte, con McGrath, Yusta, Haws, Caloiaro e Triguero sobre o parqué. Era este último o que convertía os primeiros puntos do partido, que empezou con ataques lentos e pouco fructuosos para ambas as partes.
Até o cuarto minuto de xogo só Galdikas e Newley conseguiran anotar dos amarelos, mentres que dos galegos resaltaba o 2+1 de Triguero e unha penetración de Haws. Caloiaro tirou do carro obradoirista durante a última parte deste primeiro período, sumando até sete rebotes, pero Gran Canaria seguía defendendo a súa vantaxe con Oliver espectacular desde o perímetro e un resaltable 3+1 de Kuric. Ao final chegouse 11-22, cos puntos canarios moi repartidos entre todos os xogadores que pisaran a pista.
O segundo período seguiu a mesma tónica, cos claretianos igual de enchufados, aínda que Triguero salvaba rebotes baixo o aro. Un triplo afastado de McGrath diminuía un pouco a brecha a oito puntos, pero os canarios seguían infalibles, con Kuric no seu mellor momento e Pangos dirixindo o xogo. Tyler Haws parecía o único capaz de converter lanzamentos en puntos. Por momentos, un Rio Natura Monbus Obradoiro máis agresivo nas liñas de pase forzaba algún erro impropio dos insulares que lle permitiu até tres recuperacións no parcial, pero os tiros atopábanse co aro. Contrastaba o 5/10 en tiros de máis alá dos 6.75 metros dos canarios co 1/8 no marcador santiagués. Precisamente, un triplo maxistral de Pangos era o que facía que se chegase ao descanso once abaixo, cun 25-36 no luminoso de Fontecarmoa.
Os minutos de máis atasco obradoirista, no terceiro tempo, coincidiron coa de máis lucidez canaria, que pechaba o rebote, roubaba e convertía tras veloces transicións tanto con bandexas como a de Pangos ou con acertos de Newley e Paulí desde o perímetro. Desde unha canastra temperá de Haws, non viron aro os de Moncho Fernández ata que Bendzius colgábase del a menos dun minuto para acabar o período, cun avultado 32-59 de diferenza (7-24 de parcial no cuarto) coroado por un triplo sobre a bucina de Kuric.
A loita dos obradoiristas, coa garra de Caloiaro (o máis valorado dos galegos con 11 puntos, 15 rebotes e 4 recuperacións – 28 de valoración) roubando e anotando até en dúas ocasións, nada puido facer no último período, cunha magnífica actuación de Paulí. A diferenza mantívose para pechar o marcador 46-74.
Así, o Gran Canaria recibía de mans dos organizadores da Asociación Cultural e Deportiva EncestaRías, do alcalde de Vilagarcía e do Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete, o trofeo de campión, mentres o Rio Natura Monbus Obradoiro queda como segundo clasificado desta primeira edición do Torneo Encestarías. Pensan xa os de Moncho Fernández na súa seguinte cita, a Copa Galicia, que comezarán en só cinco días.











