O Rio Natura Monbus Obradoiro comeza a tempada 2015/16 en Sar ante o Baloncesto Sevilla

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O Rio Natura Monbus Obradoiro xa coñece o calendario de competición do novo curso de Liga Endesa, que comezará na súa Caldeira de Sar ante o Baloncesto Sevilla o fin de semana do 10-11 de outubro. O punto oposto do calendario, a última xornada, será tamén en casa (xornada 34, 22 de maio) ante o Unicaja.

Moncho Fernández, adestrador do Rio Natura Monbus Obradoiro, opinou así sobre o calendario que ACB deu a coñecer hoxe: “Hai moitos equipos que aínda están a perfilar o seu persoal, polo que non se poden facer valoracións demasiado complexas polo momento. Ademais, sabemos o nivel de calidade que hai e que cada rival nos esixirá o máximo, sexa cal for a data”. Apuntou tamén que o obxectivo prioritario agora mesmo debe ser “chegar o mellor posible ao comezo da competición, preparándonos nos adestramentos e partidos de pretemporada: o partido de presentación en Sar, o torneo EncestaRías, etc”, para o que necesitarán “como en cada paso que damos, o alento dos afeccionados”. 

Tras o inicio en casa, o segundo encontro para o club será en Vitoria (xornada 2, 17-18 de outubro), seguido polo recibimento no Fontes do Sar do CAI Zaragoza (xornada 3, 24-25 de outubro) e a visita á Valencia Basket Club (xornada 4, 31 de outubro- 1 de novembro). Os tres seguintes enfrontamentos serán ante o RETAbet.es GBC (xornada 5, 7-8 de novembro), no Palau blaugrana ante o FC Barcelona Lassa (xornada 6, 14-15 de novembro) e recibindo en Sar ao Movistar Estudantes (xornada 7, 21-22 de novembro). 

Os de Moncho Fernández, ademais, despedirán o ano 2015 como visitantes contra o UCAM Murcia, partido correspondente á xornada 13, xusto despois de recibir ao Real Madrid na xornada 12, celebrada en semana (22-23 de decembro). O 2015, pola súa banda, comezará co club como anfitrión do Morabanc Andorra (xornada 14, 2-3 de xaneiro) para visitar posteriormente na xornada 15 ao Unicaja (9-10 de xaneiro). 

Outro dos puntos crave do calendario para esta tempada son as datas da Copa do Rei que se disputará na Coruña do 18 ao 21 de febreiro do 2016, antes da cal a expedición obradoirista recibirá ao Laboral Kutxa Baskonia (xornada 20, 13-14 de febreiro). Tras a finalización do gran evento copeiro, o Rio Natura Monbus Obradoiro deberá xogar en Sevilla (xornada 21, 27-28 de febreiro). 

As vacacións de Semana Santa tamén estarán cheas de baloncesto, inaugurándose co Rio Natura Monbus Obradoiro xogando en Zaragoza (xornada 24, 19-20 de marzo) e clausurándose coa visita á Caldeira da Valencia Basket Club (xornada 25, 26-27 de marzo). 

A recta final da fase regular da liga Endesa comezará coa visita ao Dominion Bilbao Basket (xornada 31, 7-8 de maio),o recibimento na capital galega do Iberostar Tenerife (xornada 32, 11-12 de maio), a última viaxe do equipo, a Andorra na xornada 33 (14-15 de maio) e a despedida do curso en Sar, recibindo ao Unicaja malagueño (xornada 34, 22 de maio).

1 de setembro de 2015 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.