O rexedor da Coruña pide ao resto de institucións que dean maior cabida á cidadanía
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, acudiu este mércores a Santiago de Compostela, á toma de posesión de Milagros Otero do cargo de valedora do pobo. “En discursos como o de hoxe vemos que palabras como participación e transparencia cada vez están máis presentes na axenda dos poderes públicos, é isto é positivo”, destacou o rexedor coruñés, que recordou que o consistorio que dirixe ten nestes termos uns dos seus principais sinais de identidade. “Son palabras que, como sabedes, van moito co noso Goberno municipal. No próximo pleno do luns, 7 de setembro, xa haberá cidadáns falando en María Pita, veciños e veciñas que farán preguntas e rogos na Cámara”, recordou.
“É positivo darlle entrada á veciñanza nas institucións, máis alá dos cauces formais. Sería bo que no Parlamento de Galicia tamén se empezasen a implementar instrumentos deste tipo”, recomendou o primeiro edil da Coruña.
En canto ao nomeamento da nova valedora do pobo, Ferreiro manifestou que o desexo do Goberno municipal da Coruña é que Otero “exerza o seu posto de forma imparcial”. “Sería beneficioso acadar un nivel de consenso máis alto á hora de elixir ás persoas que ocupan estes órganos. En calquera caso, ese vicio de orixe pode ser compensado cun exercicio neutral do cargo, sempre ao servizo de todos os galegos e galegas”, opinou.











