O PSOE de Ourense atribúe os incendios á falta de política forestal da Xunta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Europa Press

O secretario provincial do PSOE de Ourense, Raúl Fernández, atribuíu este martes os incendios forestais á falta dunha política “agrícola, gandeira e forestal” por parte da Xunta, que ten como resultado que calquera “horta” ou terreo acabe quedando “a monte”. Deste modo, proseguiu, “resulta máis doado para os incendiarios conseguir os seus obxectivos”.

En rolda de prensa, o dirixente socialista fixo fincapé en que o grande incendio de Cualedro (Ourense) puxo de manifesto a “incapacidade” da conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, pois, na súa “fugaz” visita avogou por “estudar por qué Galicia arde tanto e Ourense, aínda máis”. “Resulta patético”, reprobou.

“Calquera veciño lle daría as claves en cinco minutos”, subliñou o tamén deputado autonómico, dende o convencemento de que os lumes se producen pola acción dos incendiarios e tamén porque “as políticas do PP non crean as condicións mínimas para que os mozos do rural poidan vivir” no seu ámbito con actividades ligadas ao medio”.

Neste sentido, incidiu en que “non só non hai medidas de discriminación positiva”, senón que hai “políticas activas de abandono do rural”, con recortes en “sanidade, educación, transporte, dependencia …”. Polo tanto, contradixo a versión de que os incendios sexan “un problema conxuntural”, pois é algo “estrutural”.

“IMPROVISACIÓN”

Xunto con iso, Fernández lamentou que “falta política de prevención” e que a Xunta converteu a “frivolidade” na “súa política”. Así é que hai “brigadas incompletas, persoal sen experiencia, vehículos envellecidos, puntos de auga sen saneamento…”.

Fronte a este modo de actuar, pediu ao PP que “desterre” a “ridícula imaxe” do actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “simulando a extinción dun incendio en vestimenta de verán e unha manguerita de xardín” e que deixe a un lado a “improvisación” para combater os incendios forestais.

“A conselleira (de Medio Rural, Rosa Quintana) simula perplexidade, busca inimigos externos e pon cara de vítima”, continuou o socialista, para seguir criticando que os incendios forestais se afrontan en Galicia “con improvisación” e supoñen anualmente “uns 100 millóns de euros”.

1 de setembro de 2015 | 19:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.