O PSdeG pide a que se evacúe inmediatamente aos pacientes inmunodeprimidos do novo hospital de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+
Europa Press

O PSdeG pediu este mércores a “evacuación inmediata” de todos os pacientes inmunodeprimidos do novo hospital de Vigo tras o falecemento “dunha posible afectada por aspergillus”. A través dun comunicado, os socialistas puntualizaron que a información sobre esta defunción foilles trasladada por profesionais sanitarios do Álvaro Cunqueiro, que son -dixeron- quen “solicitan a evacuación do centro sanitario por precaución”.

Sobre todo, á vista de que “no hospital seguen estando ingresados pacientes inmunodeprimidos”. “Débense tomar medidas de forma inmediata para evitar un mal maior”, advertiu o PSdeG, que requiriu, xunto coa evacuación, “un seguimento e vixilancia” das persoas que están ingresadas neste momento no novo centro.

A continuación, pediu que “hoxe mesmo haxa unha comparecencia do Goberno galego para aclarar este tema” e “informar o estado real dos pacientes”. “Que Feijóo se poña á fronte deste problema; que salga a dar información sobre o falecemento e solucione dunha vez por todas unha situación intolerable”, reclamou.

Por último, o partido que dirixe José Ramón Gómez Besteiro trasladou as súas “condolencias” aos familiares da persoa falecida e púxose “á súa disposición” e dos profesionais do centro hospitalario.

2 de setembro de 2015 | 23:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.