O Proxecto Ríos desenvolverá unha limpeza fluvial en Feáns o próximo domingo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello colabora coa VIII Limpeza Simultánea do Proxecto Ríos, un programa de educación e voluntariado ambiental que se desenvolve en 42 concellos de Galicia onde, o próximo domingo, día 27, levarase a cabo a limpeza dun leito fluvial. A Concellería de Medio Ambiente anima ás veciñas e os veciños da Coruña a participar na actividade, que, no caso da Coruña, terá lugar no río Mesoiro, ao seu paso por Feáns, baixo a coordinación de asociación ecoloxista Adega e na que tamén se ofrecerán dúas conferencias no centro cívico de Feáns. “A restauración dos ríos e en xeral dos espazos naturais forma parte das liñas estratéxicas do Goberno local e da concellería e formaba parte do noso programa electoral”, salienta a responsable municipal de Medio Ambiente, María García.

O Proxecto Ríos é un programa onde participan 52 entidades, desde asociacións e colectivos ecoloxistas ata centros de ensino, e que ten como finalidade dar a coñecer a importancia dos cursos fluviais e amosar as súas problemáticas, ademais de fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e mellora dos ríos, proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.

23 de setembro de 2015 | 19:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.