O proxecto Enki organiza un xogo das agachadas xigante en Marineda City
Marineda City será este venres 4 de setembro, ás 18.00 horas, o escenario do xogo das agachadas xigante que organizou o Proxecto Enki para dar visibilidade á II Carreira pola Integración, que se celebrará o domingo 13 de setembro. A iniciativa, primeira deste tipo que se celebra en Galicia, está aberta a todos os públicos e desenvolverase nas tendas que participen e zonas comúns do centro comercial, salvo saídas de emerxencia, a partir do punto de inicio, que servirá de “casa” e estará situado na zona de restauración da segunda planta.
Os participantes irán identificados cunha braga de pescozo de Enki e un dorsal, que deberán levar visible durante o xogo, e haberá uns buscadores, que se encargarán de ir eliminando a quen descubran. Gañarán quen consigan volver a “casa” sen ser localizados: todos terán a inscrición gratuíta na II Carreira pola Integración e os tres primeiros, ademais, levarán un pack de agasallos de Marineda City. Non hai unha idade máxima nin mínima e non é necesario inscribirse previamente, só estar a tempo no punto de inicio. Os establecementos participantes terán un identificativo visible. O humorista Víctor Grande será o encargado de animar esta proba.
A idea de xogar ás agachadas nun centro comercial xurdiu en Ikea Bélxica, onde se desenvolveu recentemente unha iniciativa similar. Tivo tanto éxito que se viralizou a través das redes sociais e a tenda tivo que acabar restrinxindo a participación debido ao enorme impacto mediático.
II Carreira de Obstáculos pola Integración
A Coruña acollerá a segunda edición da única carreira de obstáculos pola integración que se celebra en Galicia. A iniciativa, promovida pola Fundación Abrente, a Fundación María José Jove e o Concello da Coruña, coa colaboración de Obra Social La Caixa, terá lugar o domingo 13 de setembro na Cidade Deportiva de Riazor e tamén se celebrará simultaneamente a Feira da Solidariedade, con talleres e zonas de xogo.
O 100% dos fondos recadados destinaranse á posta en marcha do primeiro club deportivo inclusivo ENKI, que terá como obxectivo fomentar o deporte inclusivo, compartir adestramentos e fixar metas comúns pondo en valor o afán de superación das persoas con diversidade funcional.
A carreira está aberta a nenos, maiores, familias, deportistas e non deportistas, homes, mulleres, persoas con mobilidade reducida, atletas… O percorrido estará adaptado para que todo o mundo poida superalo e gozar. Non haberá un gañador, senón que se premiarán varias categorías de equipos e tamén haberá premios para as entidades sociais que participan na Feira da Solidariedade.
O percorrido será de 2 km, con 1.000 m de probas por asfalto e outros 1.000 por areal. Os obstáculos do Paseo Marítimo serán similares aos da pasada edición, na que participaron máis de 1.600 persoas: montaña de pneumáticos, labirinto de cordas e xogo en equipo; mentres que no areal haberá labirinto a cegas, corpo a terra e baño de espuma. Esta edición contará, ademais, con novidades como a “guerra de cores Fundación María José Jove” e outras sorpresas. Haberá 3.500 dorsais dispoñibles, sendo a participación por equipos de 2 integrantes como mínimo. O custo do dorsal é de 7 euros para os 1.000 primeiros e 10 para o resto. As persoas con diversidade funcional e menores de 10 anos pagan unha cota simbólica de 3€. A inscrición pode facerse a través de www.ataquilla.com ou en El Corte Inglés de Ramón e Cajal e Marineda City (sección de deportes).
A Feira da Solidariedade
Ese mesmo día, na chaira de Riazor de 10.30 a 15.00 horas, celebrarase a Feira da Solidariedade, na que os visitantes poderán coñecer de primeira man o labor que realizan os colectivos que agrupan a persoas con diversidade funcional, así como os obxectivos que perseguen. As organizacións que confirmaron a súa participación son A.D. Vidu, Acofifa, Acopros, Adaceco, Afaco, Alcer Coruña, Apem, Artefios, Asem, Asociacion Arela, Aspace, Asperga, C.E.E. Maria Mariño, C.O. Pascual Veiga, Cogami, Down Coruña, Faxpg, Feafes, Fegerec, Fundacion Adcor, Grumico, La Quinta del Arte, Liga Reumatolóxica Galega, ONCE, Parkinson Galicia, Red española EF/SFM/SQM, 100 tolos.











