O programa de compostaxe caseira Carballo Limpo reduce os residuos orgánicos ao ano en 39 toneladas
Un total de 55 vivendas de Carballo xa están a producir compost, e outras 30 están en fase de conseguilo nos vindeiros meses. Son os resultados do programa de Compostaxe caseira que o Concello puxo en marcha en 2014 a través de Carballo Limpo co obxectivo de reducir os residuos orgánicos do colector verde. Dende Carballo Limpo lévanse realizado máis de 1000 visitas (1060 ata o día de hoxe) ás 85 vivendas que están a colaborar co proxecto.
Este seguimento, xunto coa gran disposición a colaborar dos propietarios e propietarias das vivendas, foi fundamental para conseguir este satisfactorio resultado. As incidencias foron practicamente nulas, estando a día de hoxe o cen por cen dos composteiros sen mosquitos nin olores. En canto ao reparto xeográfico, existen zonas ben definidas de concentración de composteiros, como son Carballo (18), Entrecruces (15), Sísamo (12); e o resto repártense entre todas as parroquias do municipio. O compost está sendo usado principalmente para as hortas, nos xardíns e incluso nas froiteiras.
Este proxecto remata no mes de outubro deste ano, seguindo os propios usuarios e usuarias xestionando os composteiros por si mesmos a partir de entón, cunha formación adecuada e unha implicación e satisfacción no uso dos mesmos moi elevado. Para o Concello de Carballo foi un proxecto de éxito co que se conseguiu demostrar que hai modelos alternativos que funcionan. De feito, tense feito o cálculo do que supón en canto a redución do número de toneladas que non irán a parar ao colector verde e supera as 39 toneladas ao ano, só nestas 85 vivendas.
Desde o Concello considéranse moi importantes este tipo de iniciativas, por eso se engadiron no proxecto que está executando a empresa UTE Carballo, responsable da recollida de lixo. O reducir as toneladas de residuos que se leven a Sogama é un obxectivo de todo o equipo de Carballo Limpo, que agradece de antemán a colaboración da cidadanía chamando ao 981 75 49 17, na páxina web <www.carballolimpo.com> ou en Twitter @CarballoLimpo.











