publicidade hoxe

O programa de actividades de verán da Laracha alcanzou os 1.200 participantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O programa municipal de actividades culturais, deportivas e educativas de verán que se desenvolveu durante os meses de xullo e agosto alcanzou por segundo ano consecutivo os mil douscentos participantes entre as quince disciplinas ofertadas, datos que son a mellor proba da calidade das propostas e a boa valoración por parte do público.

O Concello da Laracha puxo en marcha, como cada verán, esta iniciativa cos obxectivos fundamentais de ofrecerlles aos veciños posibilidades de aproveitamento do seu tempo libre e facilitar a conciliación persoal e laboral das familias durante as vacacións nos centros escolares, xa que a maioría das propostas foron dirixidas a nenos. 

O evento que contou cunha maior participación foi o Día da Bici, cun percorrido a dúas rodas desde A Laracha a Caión pasando previamente por Paiosaco e tocando, así, os tres cascos urbanos do municipio. Este ano celebrouse a 28ª edición e superáronse os trescentos ciclistas inscritos. 

Tamén as dúas rodas foron protagonistas das rutas en bicicleta de montaña organizadas en colaboración co Club Ciclista Laracha en Dúas Rodas e da Peque-Ruta dirixida especialmente aos nenos, neste caso posta en marcha en cooperación co Club Ciclista Laracha e a Asociación Deportiva Downhill Laracha. 

Outra das propostas clásicas da programación estival son os campamentos de verán, dirixidos a mozos de 8 a 15 anos de idade. Entre as dúas quendas que se desenvolveron participaron preto de cen rapaces. O outro campamento que se realizou foi o urbano de educación en igualdade, organizado coa colaboración da Xunta de Galicia e ao que asistiron sesenta nenos de 3 a 7 anos, tamén entre as dúas quendas levadas a cabo, ambas dunha semana de duración. 

O Concello continuou apostando outro ano máis por ofrecer os campus dos dous deportes máis practicados por rapaces no noso municipio: fútbol e baloncesto. Conxuntamente achegáronse aos douscentos participantes. 

Os deportes náuticos tamén tiveron cabida no programa. Caión acolleu cursillos de iniciación ao surf e ao pádel surf e percorridos en kaiak polo porto. Tamén houbo saídas ao río Ulla para practicar ráfting e ao Eume para iniciarse no piragüismo.

A programación de verán completouse cos habituais cursos de manualidades e pintura ao óleo de dous meses de duración realizados no centro sociocultural de Santa Lucía (A Laracha), a xornada de xogos recreativos na piscina municipal e ás dúas saídas ao parque acuático de Cerceda.

Unha vez que está rematado o programa de verán, o Concello xa traballa na confección dos contidos que conformarán o de inverno. En próximas datas, e como vén sendo habitual nos últimos anos, ofrecerase a posibilidade aos veciños da Laracha de participar en diversidade de cursos e actividades desde primeiros de outubro e ata o mes de maio, cunha ampla oferta que, na medida da previsión de participación, poderá ser descentralizada e levada aos núcleos de poboación rural ao dispoñer de centros socioculturais nas trece parroquias que conforman o noso municipio.

2 de setembro de 2015 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.