O programa Coñece o teu país en Arzúa péchase cunha viaxe a Bande
O Departamento de Cultura informa que o Concello de Arzúa organiza para o sábado, día vinte e seis de setembro, a cuarta e última excursión do programa “Coñece o teu país” para este ano. Así, de maneira totalmente gratuíta, o Concello ofertou un total de catrocentas corenta prazas e organizou saídas á Pobra do Caramiñal, Monforte de Lemos e á Comarca do Deza, rexistrando en todas elas un alto éxito de participación.
Como de costume, no mes de setembro, a provincia ourensá é o destino dun cento de arzuáns e arzuás que para este ano coñecerán máis de preto o municipio de Bande realizando unha saída a este concello galego. A actividade central do día será a visita ao Centro de Interpretación “Aquae Querquennae Via Nova” que recrea o percorrido da calzada romana e os distintos elementos que se atopan nela (miliarios, pontes, minaría romana…). Alí proporcionase tamén información interactiva sobre os recursos da devandita calzada, da comarca da Baixa Limia e do campamento romano que tamén será visitado.
A excursión completarase visitando a Igrexa Monacal Santa Comba de Bande, considerada unha das máis antigas das que se conservan en Galicia, data do século VII foi declarada Monumento Histórico Artístico no ano 1923. Consérvanse da época visigoda dúas mesas de altar de mármore e tamén anteriores a esta algún capitel e columnas.
A inscrición comezará o martes, quince de setembro, e segundo indicacións do Departamento de Cultura, todas as persoas interesadas en participar no programa deben achegarse persoalmente ao Departamento de Cultura, podendo anotar como máximo a un acompañante por cada solicitante.
As prazas dispoñibles iranse cubrindo por orde de inscrición. Todas aquelas persoas que desexen apuntarse poden facelo de maneira totalmente gratuíta no Departamento de Cultura do Concello de Arzúa entre as 8:30h e as 14:30h.
Lembren que a oficina está situada no edificio sociocultural María Mariño, na rúa Pai Pardo nº 33, no 1º andar (ao carón de Radio Arzúa).