O presidente de Escudería Coruña cre que o accidente do rally debe marcar un antes e un despois
O presidente de Escudería Coruña -que ata o ano 2001 se encargou da organización do Rally da Coruña- mostrouse convencido de que o accidente acontecido este sábado, ao paso da proba por Carral, marcará “un antes e un despois” en relación coa normativa que se aplica en Galicia para este tipo de eventos deportivos. En declaracións, Ernesto Rumbo sinalou que “en seguridade todo o diñeiro é pouco”, aínda que admitiu a imposibilidade de que esta poida garantirse na súa totalidade.
Con todo, recoñeceu que, no seu caso, “non” se “puxese alí”, no lugar no que se atopaban as vítimas do accidente. Así, Rumbo, que estivo presente no rally, subliñou que no lugar onde el se atopaba estaba todo “perfecto”.
Non obstante, manifestou descoñecer qué actuacións de seguridade se aplicaron neste rallye. “Descoñezo o protocolo”, apostilou, ao tratarse dun campionato galego e en alusión tamén ao feito de que, dende 2001, Escudería Coruña está desvinculada da celebración deste evento.
NORMATIVA
De feito, precisou que hai unha semana a organización que dirixe enviou un comunicando matizando que non formaba parte da organización. Ademais, precisou que, neste caso, as normas veñen determinadas pola Federación Galega de Automobilismo e non pola estatal.
No caso desta última, que é a que aplica Escudería Coruña, sinalou que “un delegado de seguridade marca as pautas a cumprir”. “Os coches sábese en todo momento onde están, están conectados con GPS”, dixo en referencia a algúns dos requisitos esixidos.
“SENTIDO COMÚN”
Por outra banda, explicou, coa normativa estatal, “é a organización a que marca onde se pon a xente”. “Pero non hai unha persoa detrás”, sinala ante a imposibilidade de supervisar o que fai o público.
Por iso, apelou ao “sentido común” dos que asisten a este tipo de eventos, mentres que, no caso dos organizadores, rexeitou que “se fagan inventos”. “Hai unha normativa nacional, copiada da que hai a nivel mundial”, reivindicou ao considerar que estas deben prevalecer sobre outras.
Ao respecto, fontes consultadas cualificaron de “menos restritivas” as esixencias da Federación Galega de Automobilismo fronte ás que marca a estatal.
Tamén indicaron que hai autonomías que seguen a normativa da federación nacional que, noutras cuestións, esixe un equipo médico na saída de cada tramo, e que outras non. “Cada federación ten capacidade de establecer a súa normativa”, apuntaron.











