O presidente da Deputación comprométese a que os concellos da Coruña poidan aproveitar o coñecemento da USC en materias de interese para a xestión local

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou esta mañá a súa primeira visita institucional á Universidade de Santiago de Compostela, onde foi recibido polo reitor da institución académica, Juan Viaño.

Tras a reunión, que ambos cualificaron de “cordial e construtiva”, e a sinatura no Libro de Honra da Universidade, González Formoso comprometeuse a “intensificar a longa traxectoria de colaboración que a Deputación da Coruña vén mantendo coa USC”, e manifestou a súa intención de “estreitar esta relación cos concellos, de maneira que estes poidan aproveitar o coñecemento especializado que, en distintas materias de interese para xestión local, pode achegar a USC”.

Neste sentido, lembraron que xa hai algunhas experiencias en marcha como o Barómetro de Xestión Municipal, cofinanciado pola Deputación con 120.000 euros, un instrumento de medición da calidade dos servizos públicos locais (sanidade, educación, transporte, equipamentos culturais, seguridade cidadá etc..) que permite mellorar a planificación dos investimentos e servizos que reciben os cidadáns.

A Deputación da Coruña cofinancia tamén coa USC outros programas como o Proxecto Estalmat para o estímulo do talento matemático en Galicia, en marcha desde 2007 e do que se benefician cada ano 25 estudantes de toda Galicia.

2 de setembro de 2015 | 16:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.