O porto de Vigo converterase na capital do marisco de Europa nas xornadas marisqueiras VigoMar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

As instalacións do Porto Pesqueiro de Vigo acollerán, un ano máis, as XIII Xornadas Marisqueiras VigoMar 2015, que terán lugar do 3 ao 6 de setembro. Como sinalou en rolda de prensa o Presidente da Autoridade Portuaria viguesa, Ignacio López-Chaves, que estivo acompañado por Manuel López Garrido, da empresa López Novoa,  Arxentino Pires, de Viveiros de Vigo, e Mariano Martínez, xerente de AHOSVI, o Porto de Vigo será a capital do Marisco de Europa durante esas datas. A organización porá a disposición dos turistas un tren que facilitará o seu traslado até o Porto Pesqueiro e que durante o seu traxecto percorrerá as seguintes rúas: Cánovas del castillo, Carral, Marqués de Valladares, Rúa Pontevedra, Alameda e Arenal.

Os asistentes a esta cita ineludible no calendario das festas gastronómicas nacionais poderán degustar máis de medio centenar de  toneladas de produtos do sector pesqueiro e marisqueiro da cidade nun total de 48 variedades con prezos alcanzables para todos os petos.

A organización espera a asistencia dunhas 80.000 persoas, que poderán degustar os máis de 60.000 quilos de marisco que se porán á venda durante o catro días que durará esta festa gastronómica.

Ademais das degustacións, a organización previu diversas actividades paralelas, como sesións de baile, actuacións folclóricas e de grupos de animación, inchables e xogos tradicionais. 

Este ano debido á crecente afluencia  de turistas portugueses nas edicións anteriores, o sábado día 5 celebrarase  unha xornada especial  dedicada a Portugal, con postos de artesanía e produtos portugueses e actuacións de música tradicional, e contará coa  asistencia de representantes do Corpo Consular de Portugal en Vigo. 

Inauguración oficial

A inauguración oficial das XIII Xornadas Marisqueiras terá lugar o vindeiro xoves, día 3 de setembro, ás 13.00 horas. Nesta ocasión, a lectura do pregón correrá a cargo de Lola Gestido, do Programa  Larpeiros da  Televisión de Galicia.

A Autoridade Portuaria de Vigo colabora con estas xornadas desde o inicio da súa andaina e, como sinalou o Presidente do Porto, con elas ábrese o porto á cidade dentro das propostas que o porto está a realizar para que os vigueses gocen da fronte portuaria.

1 de setembro de 2015 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.