O pleno de Vigo aproba unha reprobación a Feijóo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press
Pleno de Vigo

Pleno de Vigo

O pleno do Concello de Vigo aprobou este luns, cos votos favorables do PSOE e da Marea, e o voto contrario do PP, unha reprobación ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, por “insultar” e “mentir” en relación cos convocantes e manifestantes da multitudinaria marcha que se celebrou o pasado 3 de setembro na cidade olívica en defensa da sanidade pública e para criticar as deficiencias do novo hospital Álvaro Cunqueiro.

O portavoz do grupo socialista, Carlos López Font, tachou a Feijóo de “político irresponsable” por “atacar” aos cidadáns que participaron nesa protesta, e advertiu de que é el “o que insulta a intelixencia dos cidadáns”, e que se converteu “nun moble que non serve para nada”.

López Font insistiu en que o presidente galego “mente” cando di que o Álvaro Cunqueiro é un hospital público, cando di que non se podería facer o hospital seguindo outro modelo e cando di que mantén o número de camas proxectado inicialmente. “A saúde dos cidadáns está en xogo, están a xogar coa sanidade pública”, sinalou, e engadiu que o presidente da Xunta “dá vergoña e é politicamente ilexítimo”.

Ante iso, a portavoz do PP vigués, Elena Muñoz, criticou a “lamentable e impresentable papeleta” de López Font por “mentir”. Segundo a súa versión, Feijóo “distinguiu entre convocantes e participantes” desa manifestación, e ratificou que os primeiros foron “irresponsables” por chamar á protesta “en pleno traslado” de pacientes.

Muñoz censurou que o goberno local “asusta irresponsablemente” aos cidadáns porque pretende “que a xente teña medo de ir ao novo hospital”. Así mesmo, defendeu o modelo concesional para construír o Hospital Álvaro Cunqueiro dado que o goberno bipartito deixou a administración “crebada”, e apuntou que “na Xunta non hai ninguén imputado por este contrato”, en contraposición coa imputación do alcalde vigués e tres dos seus concelleiros na Operación Patos.

28 de setembro de 2015 | 12:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.