publicidade hoxe

O pleno de Oroso aproba como festivos locais do vindeiro ano o 9 de febreiro e o 16 de setembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O pleno do Concello de Oroso aprobou hoxe a inclusión do 9 de febreiro –martes de entroido- e do 16 de setembro –festividade de Santa Eufemia- como días de festa de carácter retribuído e non recuperables no municipio para o exercicio 2016. A decisión foi tomada na sesión ordinaria por unanimidade e sen propostas alternativas.

A corporación empregou boa parte do resto da sesión nas mocións presentadas polos grupos municipais. Nesta ocasión, unicamente o PP presentou mocións, catro en total. Foron rexistradas no día de onte e ningunha delas superou o trámite de urxencia previo, de maneira que formalmente non chegaron a debatirse. Non obstante, si foron valoradas polos distintos portavoces. 

A primeira das propostas era relativa ao apoio municipal a unha familia de Marzoa que perdeu a súa vivenda por mor dun incendio. O alcalde, Manuel Mirás, lembrou que “desde o Concello estamos desde o primeiro momento ao lado da familia para axudarlle en todo o que precise” e acusou ao PP de “buscar réditos políticos” con esta desgracia, como demostra que o grupo da oposición anunciou xa a súa moción a principios de setembro e non a rexistrou ata onte mércores. 

Unha segunda moción do PP, que se está presentando en todos os Concellos, reclamaba a defensa da unidade e a cohesión nacional de España. Manuel Mirás considerou que se trata dunha proposta extemporánea e cargada de prexuízos ideolóxicos cos que o PP pretende ocultar a súa falta de xestión na cuestión de Cataluña a uns días das eleccións autonómicas. 

A terceira proposta referíase a un plan de atención aos refuxiados de Siria. O portavoz do goberno, Antonio Leira, expuxo que “o problema é de tanto calado que isto é algo que teñen que facer o Estado e a Unión Europea, aínda que as administracións locais estamos dispostas a colaborar”. Neste sentido, o alcalde indicou que o Concello creou un rexistro de veciños dispostos a acoller refuxiados, no que xa se inscribiron dez familias, pero teñen que ser as administracións europea, española e galega as que organicen todo o sistema. 

Finalmente, o PP presentou unha proposta para fomentar o consumo do leite amparado pola marca ‘Galega 100 %’. O alcalde considera axeitada a campaña de promoción, pero definiu a moción como “un brindis ao sol”, posto que “o problema do sector leiteiro e dos gandeiros de Oroso non é se o Concello aplaude unha campaña de publicidade da Xunta, senón que a Consellería e o Ministerio non dan garantías de que suban os prezos do leite e sigan sendo menores aos custos de produción”. 

24 de setembro de 2015 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.