publicidade hoxe

O pleno de Carballo inclúe a bonificación no ICIO para a implantación da empresa Gallega de Mallas no Parque Empresarial de Bértoa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

O pleno da corporación celebra o luns 28 de setembro unha sesión plenaria ordinaria na que un dos puntos da orde do día é a concesión da bonificación dun 95 por cento do ICIO (Imposto sobre construcións, instalacións e obras) á empresa Gallega de Mallas, que nos próximos meses ten previsto construír unha nave no Parque Empresarial de Bértoa carballés. Este tipo de rebaixa está recollida dentro das medidas adoptadas pola administración local para favorecer o emprego e o desenvolvemento económico, polo que se aplica a todas as empresas que teñan proxectos para implantarse en solo carballés. No caso de Gallega de Mallas, sobre unha actuación de 3.181.448,49 euros corresponderíalle un ICIO de 79.536,21 euros. Porén, coa bonificación do 95 por cento achegará 3.976,81 euros. Este desconto aplicarase a todas as licenzas construtivas posteriores. Outro dos asuntos obxecto de debate será a aprobación do contrato administrativo especial para a concesión dun total de doce postos do Mercado Municipal de Carballo, así como de seis almacéns con cámara de frío para carnicerías e outros cinco sen cámara. Entre os criterios para a adxudicación, que se realizará a través dun concurso aberto, valorarase a proposta económica, con ata 90 puntos; así como o proxecto de explotación da actividade económica a desenvolver no posto de venda, con ata dez puntos. A apertura do procedemento realizarase a través dun anuncio publicado no BOP (Boletín Oficial da Provincia) e está establecido contar cun prazo de 30 días naturais para a presentación de ofertas.

Dentro dos asuntos de trámite, a sesión tamén inclúe o visto e prace para unha modificación da Ordenanza xeral de prezos públicos nº1 do Concello de Carballo. O cambio realízase para permitir que o pleno delegue na Xunta de Goberno Local o establecemento, fixación e modificación dos prezos públicos dos servizos ou actividades prestados directamente polo Concello. Segundo explica o Alcalde, Evencio Ferrero, o obxectivo desta modificación é axilizar a xestión destos prezos, que se aplican, por exemplo, para regular o uso de edificios públicos municipais como o Fórum Carballo. Xa no apartado de mocións, tanto o PSOE como o PP presentan unha relativa á atención dos refuxiados por parte da administración local. Porén o Concello xa ten anunciado unha serie de medidas, como a creación de programas de emerxencia social e educación familiar, un dispositivo especial no Centro de Información á Muller (CIM), un servizo de busca de emprego a través da Bolsa de Traballo municipal, clases de español e de galego, un servizo telemático de tradución, un programa de información, orientación e valoración que suporía o primeiro contacto cos/as posibles usuarios/as, etc. 

Apartado de mocións

Seguindo co apartado de mocións, o grupo socialista presentou unha na que se insta ao pleno a acordar que se solicite o regreso da Policía Nacional a Carballo e a creación da correspondente Comisaría. Aínda que o grupo de goberno manifesta o seu acordo na necesidade do regreso da Policía Nacional, non está a favor dun dos aspectos da moción no que o PSOE manifesta que o Concello adopte xa o compromiso de facilitar unha situación e unhas dependencias para a creación da citada Comisaría. O Alcalde sinala que non lle parece lóxico establecer as condicións para a implantación do servizo antes aínda de que haxa ningún acordo ao respecto, polo que o grupo de goberno manifestou na comisión informativa o seu desacordo con este punto, así como con unha emenda proposta polo PP na que se mencionan algunhas das xestións realizadas diante do Goberno de España para negociar o regreso da Policía Nacional. En todo caso, Ferrero anunciou que o xoves 1 de outubro está previsto manter unha entrevista na Coruña co Delegado do Goberno, Santiago Villanueva, para abordar este e outros asuntos.

O PP presentou dúas mocións diante do pleno que non foron ditaminadas nas comisións informativas ao non ter sido presentadas a tempo, pero que si serán incluídas na sesión. A primeira delas insta aos “poderes públicos, administracións públicas e sociedade civil a poñer en valor a cohesión e unidade de España”, “a respectar os dereitos e liberdades fundamentais de todos os cidadáns”, ou á “posta en valor da fortaleza democrática das nosas institucións”. A segunda propón solicitar diante da Consellería de Medio Rural, así como diante da Deputación da Coruña que se elaboren accións para defender a calidade do leite e de apoio ao sector lácteo. Xa fóra do apartado de mocións, a sesión inclúe a renuncia da Concelleira do PP, Bibiana Bértoa Cambón, ao seu cargo como edila no Concello de Carballo. O seguinte posto na listaxe do PP presentada aos comicios de maio de 2015 está ocupado por Carlos Reyes Pereira. A sesión pecharase coa comparecencia de Indalecio López en representación da Confederación Intersindical Galega (CIG) de Carballo. En virtude do Regulamento de Participación Cidadá realizará unha intervención na que defenderá a necesidade de crear unha tarifa eléctrica diferenciada para Galicia co obxectivo de impulsar o desenvolvemento económico do país.

25 de setembro de 2015 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.