O pleno de Ames determinará o calendario de festivos locais para o ano 2016
O calendario de festivos locais para o ano 2016 será un dos puntos que se traten na sesión ordinaria do Pleno do Concello que se desenvolverá mañá xoves, 3 de setembro, ás 20:30. Neste punto, o grupo de goberno proporá que se poña en marcha un programa de conciliación o martes de entroido, festivo en Ames, para atender as necesidades dos pais e nais que traballan en Santiago e en outros lugares da contorna onde ese día non é festivo. Ademais abordarase tamén a solicitude á Augas de Galicia da redistribución de anualidades para o financiamento da obra “Abastecemento Ames e Brión” e debateranse varias mocións presentadas por Ciudadanos Partido da Cidadanía, Ames Novo e Pacto por Ames.
No apartado para Control de Goberno, o pleno debaterá dúas mocións presentadas por Ames Novo. A primeira delas pide a declaración de Ames como “municipio libre de circos con animais” e a segunda pide tamén declarar a Ames “concello oposto ao Tratado Transatlántico de Comercio e inversión”.
No mesmo apartado de control ao goberno debaterase unha moción do grupo Ciudadanos Partido da Cidadanía relativa a elaboración de xornadas de traballos e axendas para o alcalde e concelleiros con algún tipo de dedicación. Asemade o Grupo Pacto por Ames presentou unha moción relativa á implantación de Espazos Cardio Protexidos no Concello.











