O Pleno de Ames aproba dúas mocións en prol da marcha estatal contra as violencias machistas
Este xoves pola tarde celebrouse o pleno ordinario do mes de setembro. Nesta sesión plenaria aprobouse a modificación da ordenanza reguladora das hortas urbanas sostibles e solidarias do concello de Ames. A moción, que foi presentada polo grupo municipal de Ciudadanos, para a liberación de Leopoldo López e dos demais presos políticos de Venezuela, foi rexeitada. Ademais, tratáronse catro mocións de urxencias sobre a creación dunha comisión para abordar a creación de espazos destinados aos animais de compañía (quedou encima da mesa), a inclusión do Concello de Ames na Rede de Concellos Saudables (aprobada por unanimidade), en favor da marcha contra as violencias machistas do 7 de novembro (aprobada por unanimidade), e a renuncia de Ana Ruso Valiña como concelleira da corporación municipal.
O primeiro punto que se aprobou no Pleno celebrado onte foi a modificación da ordenanza reguladora das hortas urbanas sostibles e solidarias do concello de Ames. A comezos do mes de setembro a concellaría de Medio Ambiente puxo a disposición da veciñanza 10 parcelas nas hortas urbanas do Milladoiro. Nestes intres está exposta a listaxe provisional de admitidos/as na adxudicación de cesión de uso destas parcelas. A lista definitiva publicarase o 5 de outubro de 2015.
A nova ordenanza das hortas urbanas recollerá varias modificacións respecto da primeira. Ampliarase o prazo de cesión destas parcelas ata os 3 anos para fomentar a participación da cidadanía nesta iniciativa medio ambiental. Ademais, vaise incluír nestas ordenanza as parcelas das hortas urbanas do Milladoiro, xa que no momento da aprobación da primeira ordenanza aínda non estaban habilitadas estas parcelas. Este punto foi aprobado por maioría absoluta (votaron a favor todos os concelleiros/as da corporación municipal excepto o edil do grupo de Ciudadanos que se abstivo).
Posteriormente, pasouse ao apartado de control do goberno no que se debateu unha moción, que foi presentada polo grupo municipal de Ciudadanos, para a liberación de Leopoldo López e dos demais presos políticos de Venezuela. Esta moción foi rexeitada con 9 votos en contra dos grupos municipais de Ames Novo, Contigo Pódese e BNG. Os 8 concelleiros/as pertencentes ao grupo municipal popular, Pacto por Ames e Ciudadanos votaron a favor, mentres que os 4 edís do grupo socialista abstivéronse.
Ademais, tratáronse catro mocións de urxencias. A primeira, presentada polo grupo municipal de Ciudadanos, tratou sobre a creación dunha comisión para abordar a dotación de espazos específicos destinados aos animais de compañía, principalmente aos cans. Esta moción quedou encima da mesa, xa que o goberno municipal vai a convocar unha mesa de traballo na que participarán os concelleiros/as da corporación municipal, os veterinarios, os axentes da Policía local, os propietarios dos animais e distintas asociacións, co obxectivo de presentar varias propostas de cara a crear estes espazos destinados aos animais de compañía. Finalmente, aprobouse por unanimidade que esta moción quedase encima da mesa.
Rede de Concellos Saudables
Por outra banda, o grupo municipal de Ames Novo presentou unha moción para que o Concello de Ames se adhira á Rede de Concellos Saudables. Dende o goberno municipal destacaron que xa están traballando para incluír ao Concello na Rede de Concellos Saudables. Nunha primeira fase vaise recuperar o programa que xa existía e que se denomina “Ames Saudable”, que englobaría tres áreas de actuación: promover hábitos de alimentación equilibrada e saudable; promover a práctica frecuente de actividade física en tódalas idades; e promover unha vida saudable a través da detección, prevención e actuación nas drogodependencias.
Ademais, preténdese recuperar a atención ao público, restablecendo os dous puntos de información e atención onde a nutricionista municipal atenderá de forma directa as consultas dos veciños/as. Nunha segunda fase ampliarase o programa con charlas e obradoiros estruturados por idades e problemáticas concretas. Todo isto sen descoidar o servizo municipal de comedores escolares. Esta moción tamén foi aprobada por unanimidade de toda a corporación municipal.
Marcha estatal contra as violencias machistas
Outras das mocións por vía de urxencia, presentada a instancia da Plataforma feminista galega, foi a prol da marcha estatal contra as violencias machistas que se vai a realizar o vindeiro 7 de novembro. Esta moción tamén foi aprobada por unanimidade. Deste xeito, Ames convértese no primeiro Concello en adherirse a esta iniciativa.
Por último, presentouse nunha moción de urxencia par dar conta da renuncia de Ana Ruso Valiña como concelleira da corporación municipal. O alcalde, os voceiros/as dos grupos municipais e os concelleiros/as do grupo municipal popular agradeceron o traballo e a dedicación de Ana Ruso durante o tempo que estivo na corporación municipal e cando exerceu como concelleira do goberno.











