O Pleno da Deputación da Coruña aproba unha moción de apoio ao sector lácteo
O pleno da Deputación da Coruña, que comezou cun minuto de silencio da Corporación en memoria das vítimas do accidente do Rali de Carral, aprobou hoxe cos votos favorables de PSOE, BNG, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Altrenativa dos Veciños, e a abstención do PP, unha moción do Goberno provincial en apoio ás reivindicacións do sector lácteo galego.
O texto define ao sector como “a columna vertebral da economía rural” e explicita o firme compromiso da Deputación “co dereito a producir dos gandeiros e gandeiras e coa garantía de prezo en orixe xusto” para este colectivo. Neste sentido, insta ao Goberno galego e ao Goberno de España a que “apremen ás industrias e aos primeiros compradores a garantir a recollida de todo o leite que se produza nas explotacións galegas” e a que garantan a percepción dun prezo do leite en orixe “xusto e que cubra os gastos de produción”.
Asimesmo, a Deputación propón impulsar a creación dun instrumento interprofesional de negociación e decisión no que participen produtores, industria e distribuidores, “no que a administración actúe como medidadora e catalizadora de acordos, velando polo cumprimento dos mesmos”. Neste ámbito estableceríanse os criterios sobre os que debe construirse a cadea de valor do leite, de xeito que “o prezo a percibir polos produtores e produtoras en ningún caso poderá ser inferior ao de produción, vixiando e sancionando os contratos lixo, de modo que se consideren nulos”.
O texto insta tamén a Xunta e Goberno central a modificar o Real Decreto 125/2015 coa finalidade de introducir mecanismos que garantan a posibilidade real de negociación entre produtores e industria das condicións contractuais, con mecanismos de garantía de recollida da produción, a evitar o uso do leite como elemento de reclamo das grandes superficies comerciais e a elaborar un Plano Estratéxico para o sector lácteo galego.
Apoio aos refuxiados sirios
O pleno aprobou tamén unha moción de apoio aos refuxiados sirios, presentada polos grupos de Marea Atlántica e Compostela Aberta na que se insta á Xunta a facilitar os recursos e servizos necesarios para a acollida de persoas refuxiadas en Galicia e se propón iniciar contactos cos concellos da provincia, coas outras deputacións galegas, coa FEGAMP e coas ONG que están traballando sobre esta problemática en Galicia para impulsar a creación dunha rede galega de municipios de acollida.
A iniciativa, que foi aprobada cos votos de PSdeG-PSOE, BNG, Marea Atlántica e Compostela Aberta e a abstención do Partido Popular e Alternativa dos Veciños, propón tamén impulsar no seo do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do cal é socia a Deputación da Coruña, o establecemento de liñas de traballo e axudas en colaboración cos concellos para facilitar o acollemento de persoas refuxiadas.
Na sesión de hoxe aprobouse tamén unha moción declarando á Deputación da Coruña como institución contraria ao maltrato animal, e comprometéndose a non colaborar con fondos provinciais na promoción de touradas ou actividades relacionadas co maltrato aos animais. Esta iniciativa saiu adiante co voto favorable de todos os grupos da Corporación provincial, agás o Partido Popular que votou en contra.
O pleno aprobou por unanimidade unha moción presentada por Alternativa dos Veciños sobre a loita contra as avespa asiática na que se insta a unha actuación conxunta entre os concellos, a Deputación, a Xunta de Galicia para optimizar a eficacia de medidas como o trampeo e a retirada dos niños, baseándose na experiencia de apicultores e grupos de protección civil que actualmente se ocupan destas tarefas, así como a buscar a colaboración de universidade na busca dos métodos de loita máis axeitados, como unha feromona específica para utilizar nas trampas.
Convenios culturais
O pleno da Deputación aprobou tamén dous convenios co Concello de Ferrol para o financiamento de sendas actividades culturais. En concreto, a institución provincial destinará 17.000 euros para apoiar a XXIX edición do concurso internacional de Piano “Cidade de Ferrol”, un dos máis antigos de España e o máis antigo de Galicia, que se celebrará na cidade naval entre o 20 e o 27 de novembro e que conta cunha grande proxección internacional, tanto polo número de participantes como pola súa calidade artística, e unha achega de 28.000 euros para cofinanciar o ciclo “Música na Ilustración 2015”, organizado polo Concello de Ferrol, e que conta coa colaboración da Deputación dende o ano 2013.
Tamén se deu luz verde aos convenios para o financiamento, durante o ano 2015, das actividades culturais do Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela (240.000 euros), o Museo Terra de Melide (20.000 €) e a Fundación Luis Seoane (30.000 €).
Entre outros investimentos aprobados no pleno de hoxe figuran tamén unha achega económica de 18.000 euros para o programa Educando no Lecer 2015 da Asociación Ferrolá de Drogodependencias (ASFEDRO) e a modificación do proxecto da obra de acceso a Revixós, no concello de Dodro, cunha achega provincial de 200.000 euros.











