O Pleno da Coruña aproba mocións relativas a loita contra as violencias machistas, á Ría do Burgo, o mercado de Santa Lucía ou Alcoa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Pleno ordinario do Concello da Coruña celebrado este luns aprobou unha serie de mocións, dos distintos grupos políticos, que atinxen a varios temas de interese para a cidadanía coruñesa. A loita contra as violencias machistas,a Ría do Burgo, o mantemento dos postos de traballo de Alcoa ou instar á Xunta a activar o protocolo firmado no seu momento para impulsar a creación dun centro de saúde no mercado de Santa Lucía foron algúns deles.

O saneamento da ría do Burgo foi obxecto de dúas mocións, presentadas polo grupo municipal do BNG e polo PP local. A primeira delas, en defensa da ría, quedou aprobada por unanimidade despois de incorporarse unha emenda do grupo da Marea Atlántica. A proposta do grupo popular recibiu os votos en contra do BNG e do grupo que sustenta o equipo de Goberno, e a abstención dos e das concelleiras socialistas.

Tamén por unanimidade da Corporación municipal saiu aprobada a moción dirixida a esixir que a Xunta e o Sergas activen o protocolo para que faga o centro de saúde en Santa Lucía, unha demanda que o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, xa lle trasladou á conselleira de Sanidade na reunión que mantiveron o pasado día 11.

Todos os grupos con representación na Corporación municipal apoiaron unha moción do PSOE para solicitar ao Goberno central unha modificación da normativa que regula as subastas eléctricas e que está a prexudicar a Alcoa, en en concreto a súa planta na Coruña.

Ademais, tamén acordou solicitar á Xunta que medie polo mantemento dos postos de traballo que a multinacional xera en Galicia. O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, recordou “que o alcalde, Xulio Ferreiro, vén de enviar sendas misivas ao presidente do grupo eléctrico en España e ao director da planta da Coruña” para ter unha xuntanza na que amosen os seus plans para a factoría de Agrela.

O grupo socialista presentou un terceiro texto relativo ao cumprimento dos compromisos adquiridos no acordo de organización municipal, que tamén saiu adiante cos votos favorables dos e das edís do PP local, a abstención da concelleira do BNG e os votos contrarios dos membros do Goberno local.

Por outro lado, tamén saiu adiante, cos votos a favor do grupo que sustenta o Goberno municipal e o BNG, e as abstencións de PP e PSOE, unha moción do grupo nacionalista para sacar adiante unha iniciativa lexislativa popular que solicita medidas para garantir a enerxía como servizo público. A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, manifestou que o Goberno local apoiará todas as iniciativas que se baseen na “loita contra a pobreza e a favor das xentes do común”. Tamén avanzou que o Concello traballa nun convenio con diversos grupos enerxéticos que operan na cidade para que rubriquen un compromiso de non levar a cabo cortes eléctricos a aquelas familias que se encontren en situación de urxencia social.

Tamén conseguiu apoio suficiente un texto do PSOE que ver coa solicitude ao Goberno central de que active un IVE cultura reducido. Dentro do apartado de debate de mocións, a última que se aprobou por unanimidade foi presentada pola concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga. Entre outros puntos solicitaba instar tanto á Xunta de Galicia como ao Goberno central a incrementar os recursos destinados a fomentar as políticas a favor da igualdade, ademais de conseguir que A Coruña se convirta nun referente como cidade “libre de violencias machistas, grazas tamén á axuda da cidadanía”.

Na rolda de preguntas orais, a concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, anunciou que este xoves, no teatro Rosalía, ás 19.30 horas, farase unha presentación pública das políticas en materia de participación que porá en marcha do Goberno da Coruña. A edil solicitou a colaboración de todos os grupos para poder facelas efectivas. “Este mes comezaremos a artellar o primeiro proceso participativo, os bimbios para os primeiros orzamentos participativos”.

Escano cidadán

Por último tivo lugar, por primeira vez na historia da política municipal da Coruña, a participación de veciños e veciñas no Pleno do Concello, mediante a nova fórmula introducida polo novo Goberno de “escano cidadán”. Oito cidadáns e cidadás pudieron preguntar aos membros do Executivo sobre diversos temas. En concreto, Sonia Hermida, solicitou información sobre as medias que se tomarán nos campamentos municipais para atender a nenos e nenas con diversidade funcional ou sensorial. Marina Poncela preguntou sobre as medidas para o fomento das vivendas sociais, mentres que José Alejandro Salgado interesouse por temas relacionados co fomento do comercio de barrio e Ignacio Louro polos impostos municipais como o IBI e as rebaixas nas taxas de auga. Rubén Duruelo pediu información sobre as previsións do Executivo local sobre solicitar á Xunta o traspaso da titularidade de varios polideportivos municipais e Roberto Lameiro preguntou sobre as políticas que seguirá o Concello para poder rebaixar as barreiras arquitectónicas da cidade, especialmente, as que están na contorna dos centros de saúde. María del Carmen Cagiao falou sobre o estacionamento de vehículos ao redor do colexio Eirís. Por último, María Luisa Alonso, demandou máis apoio por parte da Orquesta Sinfónica de Galicia para os músicos e músicas da cidade.

15 de setembro de 2015 | 10:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.