O Pazo da Cultura acolle o sábado o VI Congreso de Escritoras-es da AELG

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O Pazo da Cultura acolle o vindeiro sábado, 26 de setembro, o VI Congreso de Escritoras-es da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) baixo o título “Para que(n) escribimos o futuro”. A programación presentouse esta mañá nunha comparecencia da concelleira de Cultura, Anxos Riveiro e o presidente da Asociación, Cesáreo Sánchez Iglesias quen destacou que “Pontevedra xa se convertiu na capital da literatura infantil e xuvenil da Galiza”.

A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro lembrou que “o Concello sempre está aberto para acoller actividades como a da Asociación de Escritores en Lingua Galega” así como outras actividades vinculadas como as escolas de escritores que promoveu durante meses pasados a Concellería en colaboración con escritores galegos do prestixo de Ledicia Costas, por exemplo.

O congreso dividirase en seis grupos de traballo que se desenvolverán en tres quendas:

• A oralidade como soporte literario

• O futuro da literatura dramática

• Lusofonía como renovada oportunidade

• Dereitos de autoría e profesionalización

• Novas formas de edición

• Formación de lectores/as.

Ademais do encontro pechado dos escritores galegos, unha cita para a que están confirmados 55 autores, tamén haberá unha actuación musical aberta ao público por parte de Xardín desordenado. Será ás 20.00 horas tamén no Pazo da Cultura.

18 de setembro de 2015 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.