O Partido Popular pide prudencia antes de falar sobre sanidade
O voceiro de Sanidade do Grupo Parlamentario do PPdeG, Miguel Santalices, reclamou á oposición “prudencia á hora de facer declaracións en materia de sanidade” e, con respecto ao PSdeG, criticou a “irresponsabilidade total mostrada -ao seu xuízo- ao falar da necesidade de evacuar o Hospital Álvaro Cunqueiro por un suposto xermole de asperxilose sen ter contrastada a información cos profesionais que están a traballar a pé de obra”.
Nunha rolda de prensa convocada en Vigo tras o falecemento dunha muller na UCI do novo hospital, e segundo recollen os populares nun comunicado, Miguel Santalices trasladou as condolencias á familia da paciente e acusou á oposición de “aproveitar esta situación para expandir unha alarma social sobre a atención que se presta” neste centro sanitario”.
Ao respecto, Santalices subliñou o “traballo que realizan os profesionais que levan a cabo a posta en marcha do novo hospital” e manifestou a súa “confianza” en que “todo o proceso que se vai realizar, con total seguridade e garantías sanitarias, cumprindo todos os parámetros esixidos”.
“A prudencia nas declaracións dos políticos en materia sanitaria é fundamental, porque hai algún aspecto no que as palabras pronunciadas por un dirixente político teñen unha relevancia especial é todo o relacionado coa saúde da poboación”, advertiu Santalices, quen, así, criticou a “alarma infundada provocada no día de onte (por este mércores) polos socialistas galegos, co señor Besteiro á fronte”.
Santalices recordou que “determinados fungos, como o aspergilus conviven a diario”, polo que “afirmar que existe un brote é unha auténtica barbaridade e unha falta de información” que deberían corrixila. Neste sentido, recordou que o brote de hai dous anos en Vigo, que “non motivou evacuación, senón a adopción das medidas estipuladas para unha situación como esta”.
“Os profesionais que traballan en Álvaro Cunqueiro como na área de xestión integrada son persoal do servizo público, polo que afirmar que quen marca as directrices a ese persoal é a empresa privada é descoñecer a realidade sobre quen xestiona e coordina o novo hospital”, resaltou.
SUPERVISADO
O voceiro popular tamén incidiu en que o traslado de pacientes ao novo hospital “está sendo supervisado por profesionais sanitarios” e remarcou que teñen a “garantía de que en todo momento as decisións que toman os profesionais son tidas en conta pola dirección”.
“É o único xeito de garantir un traslado seguro, porque estamos a falar dun hospital que se retomará cando os profesionais que están á fronte o consideren oportuno”, remarcou Santalices, quen demandou “prudencia ao señor Besteiro e aos socialistas galegos”. “Se se queren asesorar, teñen nas súas filas persoas que saben moito en materia sanitaria”, remachou.











