O Parque das Illas Atlánticas acolle unha sesión sobre a contaminación lumínica e os seus impactos no medio ambiente
O Parque Nacional das Illas Atlánticas acollerá mañá unha sesión sobre contaminación lumínica e os seus impactos no medio ambiente. Esta actividade terá lugar no marco do curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que leva por título “Contaminación lumínica: unha nova fronteira”.
Este curso de verán iniciouse onte na Facultade de Óptica e Optometría da USC, onde expertos na materia impartiron varias conferencias sobre os avances na investigación da contaminación lumínica. No día de hoxe, na mesma facultade, os asistentes puideron escoitar diferentes explicacións sobre as novas tecnoloxías para a iluminación sostible.
Como finalización deste curso, mañá os asistentes acudirán ao Centro de Visitantes do Parque Nacional, en Vigo, onde se celebrarán unha conferencia sobre os impactos medioambientais da contaminación lumínica, e outra sobre o turismo astronómico no parque.
Esta iniciativa enmárcase nas actividades que desenvolve Illas Atlánticas co obxectivo de acadar a Certificación Starlight. Esta certificación está amparada pola Fundación Starlight. Trátase dunha iniciativa baseada no feito amplamente recoñecido de que a calidade do ceo nocturno e, por tanto o acceso á luz das estrelas, estase a deteriorar en moitas zonas, nas que a contemplación faise cada vez máis difícil, e que este proceso enfróntanos á perda xeralizada dun recurso cultural, científico e natural de gran importancia.
A Fundación Starlight, unha entidade de ámbito internacional vinculada ao Instituto Astrofísico de Canarias, creou un sistema de certificación, mediante o cal se acreditan aqueles espazos que posúen unha excelente calidade de ceo e que representan un exemplo de protección e conservación. Son escenarios que incorporan a observación do firmamento como parte do seu patrimonio natural, paisaxístico, cultural ou científico e fomentan á súa vez o turismo de observación das estrelas.
Os Destinos Turísticos Starlight son lugares visitables que gozan de excelentes calidades para a contemplación dos ceos estrelados e que, ao estar protexidos da contaminación luminosa, son especialmente aptos para desenvolver neles actividades turísticas baseadas nese recurso natural. Estas zonas non só deben acreditar a calidade dos seus ceos e os medios para garantir a súa protección, senón tamén as adecuadas infraestruturas e actividades relacionadas coa oferta turística (o aloxamento, os medios de observación dispoñibles ao servizo dos visitantes, a formación do persoal encargado da interpretación astronómica, etc.) e a súa integración na natureza nocturna.











