O Outono Códax inaugura a mostra fotográfica de Lawrence Impey

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

‘Signs of the Seventies’ é o título da exposición que, no marco do Outono Códax Festival, ofrecerá a partir deste martes no espazo Numax de Santiago de Compostela unha selección da obra fotográfica do británico Lawrence Impey, retratista da escena musical dos anos 70. O conxunto de fotografías que integran a selecta mostra, que permanecerá aberta ata o 10 de outubro, segundo informa a organización, data de inicios e mediados dos 70. Inclúe, entre outros, algúns dos retratos máis coñecidos de bandas como The Police ou de artistas como Debbie Harry, vocalista de Blondie, así como outros máis vinculados ao mundo da moda -ámbito no que Impey tamén desenvolveu a súa carreira profesional- e que, no seu conxunto, serven para ilustrar estes “signos dos anos 70”.

Lawrence Impey naceu en Bournemouth (Inglaterra) en outubro de 1951 e seis anos máis tarde se mudou coa súa familia a Lagos, Nixeria. Aos 17 anos trasladouse a Londres e en 1971 regresou a Bournemouth para estudar Publicidade e Fotografía de moda no Poole Collage of Art. Tras un tempo traballando nunha axencia publicitaria, incorporouse á industria musical como manager da banda británica Squeeze, producida entre outros por John Cale ou Elvis Costello.

Como fotógrafo, Impey realizou varias das fotografías do primeiro álbum de The Police e é autor da imaxe que ilustrou o primeiro single do mítico grupo liderado por Sting. Ademais, retratou outros músicos, como Rico Rodríguez, o trombonista de The Specials.

V ANIVERSARIO

A exposición de Lawrence Impey forma parte das actividades paralelas coas que o Outono Códax -festival impulsado por Raíña Productions e A Reixa e patrocinado por Martín Códax, coa colaboración de Pousadas de Compostela e case un centenar de establecementos hostaleiros e comerciais de Santiago- celebra este ano o seu quinto aniversario e que arrancará este sábado 19 de setembro na capital galega.

Deste modo, a inauguración da mostra servirá de aperitivo ao inicio do propio festival, que comezará o próximo sábado, como é habitual na Sala Capitol de Santiago, cun primeiro concerto protagonizado polo británico Mike Sánchez&His Band; David Hooper&The Silverbacks; e Transilvanians, unha das bandas galegas con maior proxección do momento.

14 de setembro de 2015 | 13:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.