publicidade hoxe

O obradoiro de Boqueixón-Vedra ofrece formación e traballo a 20 desempregados destes dous concellos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoqueixónVedra
A-
A+
Beatriz Mato na visita aos participantes no obradoiro

Beatriz Mato na visita aos participantes no obradoiro

O obradoiro de Boqueixón-Vedra está a ofrecer un posto de traballo e formación de calidade a un total de 20 desempregados procedentes destes dous municipios. Para poñer en marcha este proxecto, a Xunta está a investir preto de 180.000 euros. Así o salientou hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, durante a súa visita aos participantes nesta iniciativa. O alumnado está recibindo formación nas especialidades de traballos de carpintería e moble; e operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción. Ao remate, recibirán un certificado de profesionalidade nestas materias.

De feito, segundo destacou Mato, esta formación de “máxima calidade”, xunto co acceso a un posto de traballo, é algunha das múltiples vantaxes dos obradoiros. A estes dous beneficios, súmase a realización de obras e servizos en beneficios da comunidade durante o tempo que dura o proxecto. Neste caso, comezou este mes de setembro, e prolongarase ata marzo. Durante este período, os participantes traballarán na rehabilitación da estación de ferrocarril de Santa Cruz de Ribadulla de Vedra, así como en diversas melloras en lugares públicos de Boqueixón (a casa da cultura de Camporrapado, a praza pública de Sergude, o camiño interior de Outeiro en Codeso, e o camiño interior de Xiadás en Gastar).

A conselleira agradeceu a colaboración destes dous concellos e puxo en valor que este é o terceiro obradoiro consecutivo desenvolvido conxuntamente polos concellos de Vedra e Boqueixón. En total, estes tres proxectos suman un investimento de máis de 530.000 euros e contaron con 60 beneficiarios.

Xa para rematar, a titular do departamento autonómico destacou que este ano tense reforzado “de forma especial” estes programas mixtos de formación e emprego. Así, ademais de blindar a orde anual, este exercicio realizouse por primeira vez unha convocatoria para menores de 30 anos, incluída dentro do programa de Garantía Xuvenil. Deste xeito, o investimento total sitúase en preto de 15 millóns de euros, e permitirá a posta en marcha de 77 obradoiros nos que participarán máis de 1.500 alumnos, aos que se suma a contratación de profesores.

24 de setembro de 2015 | 19:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.