O novo curso na ‘Galiña Azul’ comeza con 3.338 prazas para cativos da provincia de Pontevedra
O novo curso na rede autonómica ‘A Galiña Azul’ comezou hoxe cunha oferta total de preto de 3.338 prazas na provincia de Pontevedra para nenos e nenas de 0-3 anos, das cales 487 corresponden á cidade do Lérez. Así o destacou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, durante a visita que realizou á Galiña Azul situada no edificio administrativo da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra co galo do arranque do novo curso 2015/16.
Esta escola infantil contra con 36 prazas, destinadas para fillos dos traballadores da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra. “Ademais, en total, a cidade do Lérez conta con 487 prazas, o que supón un incremento dende 2009 do 127%, cando as prarzas existentes eran 214 prazas para só dúas escolas infantís (Campolongo e o Toxo)”. Actualmente existen 6 escolas infantís da rede Galiña Azul na capital da provincia: Monteporreiro, A Parda, o Campus e o Edificio Administrativo da Xunta.
En Galicia, as prazas roldan as 9.300, o que supón un incremento do 71% respecto ás 5.430 prazas coas que contaba en abril de 2009. Así a rede autonómica contará neste curso cun total de 159 escolas infantís.
Ademais, no curso escolar 2015-16 haberá preto de 500 novas prazas públicas de 0-3 anos financiadas con fondos da Administración autonómica a través do sistema de concerto con centros privados, unha opción que se puxo en marcha este ano por primeira vez nas sete cidades e as súas áreas de influenza.
Deste xeito, a oferta de prazas sostidas con fondos públicos complétase coas escolas municipais, as escolas dependentes de entidades de iniciativa social e doutras entidades e as máis de 1.000 prazas de cheque infantil, ata un total de preto de 20.500 prazas á disposición das familias galegas.
Con esta oferta, acádase por primeira vez a cobertura recomendada pola Unión Europea para o tramo de idade 0-3, que supón contar cunha oferta de 33 prazas para cada 100 nenos e nenas en idade de acceder a unha escola infantil.
Outras escolas en obras
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra indicou que “a posta en marcha de prazas públicas en escolas infantís de 0-3 anos é un dos obxectivos fundamentais do Plan de Dinamización Demográfica de Galicia, que conta con 69 medidas, e que pretende mellorar a conciliación da vida familiar, laboral e persoal dos galegos e galegas”.
Nesa liña, ademais do incremento no comezo do actual curso, a planificación de novas prazas que está a executar a Consellería de Traballo e Benestar inclúe actualmente oito escolas xa en construción, dúas delas na provincia de Pontevedra, que suporán un total de 471 novas prazas, das cales 102 atoparanse nos concellos de Marín e Tomiño.
Ademais, na Estrada o concello atópase nestes intres a realizar os trámites previos cara á cesión dunha parcela para a execución dunha nova escola infantil.











