O Museo Massó continúa cos obradoiros para cativos segundo a dispoñibilidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

Tras un verán culturalmente moi activo en Bueu, o Museo Massó anunciou que vai continuar co programa de obradoiros para grupos de nen@s, que se adaptarán á dispoñibilidade dos solicitantes. Os obradoiros terán entre unha hora e unha hora e media de duración e van destinados a nenos e nenas de diferentes idades. A inscrición deberá realizarse chamando ao  teléfono 986 321 838 ou a través do correo museo.masso@xunta.es, enviando un nome e un teléfono de contacto.

Os obradoiros que se ofertan son os seguintes : “Cousas da praia”, destinado a ensinar de que está formada a area da praia; “Mar á vista”, no que se xogarán a adiviñar as pinturas de Urbano Lugrís; “Sentir o museo”, que propón unha viaxe sensorial polo museo; “En busca do tesouro”, no que se deberán encontrar as diferentes pezas dun quebracabezas; “Mensaxe nunha botella”, que revelará aos nen@s de entre 6 e 12 anos a importancia dos océanos no noso planeta; “Sardiñas para unha lata”, que fará un percorrido por todo o proceso de conserva da sardiña; “O que o mar non quere”, para reciclar produtos e ensinar sobre a problemática do lixo; “A balea”, que ensinará aos participantes a caza da balea; “Seguir o rumbo. A agulla de marear”, no que se aprenderán as propiedades magnéticas da terra; “O mapa do mariñeiro. A carta náutica”, para interpretar as cartas náuticas; “Ex –libris”, no que se impartirán técnicas para a realización de selos ou estampas; “Atando cabos. Nós mariñeiros”, para explicar os diferentes nós mariñeiros; “Atrapad@s na rede”, no que se coñecerán as diferentes redes de pesca; “O sal do mar”, con este elemento da salgadura e a súa importancia na conservación dos alimentos; “Orientarse no mar”, grazas ao que os participantes poderán entender un pouco máis como se utilizaba o astrolabio e o sextante para facer as medicións co horizonte.

A maioría destes obradoiros xa foron realizados con anterioridade polo Massó e son gratuítos. Para máis información, os interesados e interesadas poden entrar na páxina web do Museo Massó: http://museomasso.blogspot.com.es/, onde está cada obradoiro explicado e as idades para as que van dirixidos.

16 de setembro de 2015 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.