O Museo de Pontevedra reúne nunha mostra a traxectoria artística de Sergio Portela
A mostra, que reúne máis de 70 obras de escultura, pintura e fotografía, foi presentada esta mañá ante os medios de comunicación nun acto co que se pretendía dar a coñecer o proceso de montaxe previo á súa apertura ó público. Nesta presentación participaron o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, o director do Museo provincial, Carlos Valle, os comisarios da exposición, Antón Sobral e Patricia Trigo, e o propio artista, Sergio Portela.
O deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, comezou destacando a importancia de “amosar procesos, coma o de montaxe, que non se coñecen moito pero que forman parte do traballo da propia exposición”, ó tempo que aproveitou para “facer visible e agradecer o traballo de todos e todas as profesionais que están detrás de cada mostra”. A exposición, que leva por título “Senso Sublime”, será inaugurada oficialmente o vindeiro mércores 23, ás 20:00 horas, no Sexto Edificio do Museo provincial e permanecerá aberta ó público ata o 8 de novembro.
“Senso Sublime” fai un percorrido pola traxectoria artística de Sergio Portela a través de diferentes épocas e disciplinas artísticas, ó tempo que incide en aspectos didácticos sobre os procesos de creación dalgunhas das obras. Neste sentido, o director do Museo provincial, Carlos Valle, cualificou a exposición como “unha auténtica lección de historia da arte” e amosou a satisfacción que lle produce que “toda a creatividade de Sergio Portela poida ser contemplada en todo o seu esplendor nun mesmo espazo”.
No aspecto didáctico da exposición tamén incidiron os comisarios, Antón Sobral e Patricia Trigo, que subliñaron o valor de facer accesible a todo tipo de público os procesos de creación deste artista. Así, na primeira parte da mostra poden apreciarse diversas pezas que amosan as fases de creación dunha escultura, a través de moldes, das versións en escaiola e do traballo en madeira. Na mesma sala proxectarase un vídeo no que se pode seguir o proceso completo de creación dunha escultura.
Os comisarios tamén quixeron poñer en valor a capacidade de Sergio Portela para “transmitir a emoción da obra de arte” e fixeron fincapé en como as súas experiencias vitais, coma as viaxes, unidas á aprendizaxe e investigación de diversas técnicas, conforman “un artista que se forma a si mesmo”.
O propio artista, Sergio Portela, fixo un percorrido guiado polas tres salas que compoñen a mostra. A primeira delas está practicamente dedicada á escultura e ó proceso artístico ó redor desta; é na que se inclúe a proxección audiovisual. Na segunda, ás obras escultóricas engádeselle un importante número de obras pictóricas que corresponden a unha etapa na que a morte tivo un gran protagonismo na vida do autor. “Son obras que nacen de ver a morte diante, de ver a morte de cara”, explicou Sergio Portela durante o percorrido.
A terceira sala combina escultura e fotografía e, segundo o comisario da exposición, “é a que máis conecta co título da exposición ‘Senso Sublime’, entendendo ‘Senso’ como unha referencia á sensualidade e ó afecto e ‘sublime’ no sentido de beleza”. Nesta sala cobra especial protagonismo a relación entre as propias esculturas e os espazo que as acolle, resaltando aspectos coma a luz e a disposición do espazo.
En total a mostra reúne preto de 30 esculturas, 20 cadros e máis de 20 fotografías, ás que se engadirán frases poéticas do autor. Sergio Portela asegurou que “eu nunca vira a miña obra así reunida nunha exposición e para min é unha sorte” e agradeceulle en varias ocasións ó Museo provincial toda a profesionalidade e o esforzo que fixeron realidade este proxecto.











