publicidade hoxe

O investimento da Xunta no parque empresarial do Corgo contribúe á mellora da competitividade do polígono e das súas empresas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Corgo
A-
A+

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe as instalacións do parque empresarial do Corgo, onde subliñou o apoio que está a prestar a Xunta aos concellos co obxectivo de favorecer o seu desenvolvemento económico e social. Neste sentido, Conde resaltou o investimento do Goberno galego encamiñado a impulsar a competitividade das empresas dun polígono industrial “moi importante pola súa ubicación como centro neurálxico da provincia desde o punto de vista económico”.

A través do programa para a habilitación e mellora dos parques empresariais, investíronse nos últimos exercicios arredor de 300.000 euros no parque empresarial. Así, este ano impulsouse á mellora dos seus viais, promovendo un segundo acceso ao polígono. Unha actuación á que cabe engadirlle os traballos realizados en exercicios anteriores para a instalación de paneis solares e dunha planta de tratamento de augas pluviais, que redundan en beneficio das compañías do polígono.

A estas iniciativas, salientou Conde, que estivo acompañado polo alcalde, José Antonio Ferreiro, e pola delegada territorial, Raquel Arias, hai que sumarlle as facilidades promovidas para a adquisición de solo industrial, con rebaixas do 50% no custo do metro cadrado que facilitan o desenvolvemento de novos proxectos.

Estas rebaixas encádranse nas actuacións que se están a levar a cabo no contexto da Axenda da Competitividade Galicia – Industria 4.0 que, segundo explicou Conde, está a permitir “incrementar a competitividade industrial impulsando a innovación e a internacionalización do tecido produtivo”. Temas que o conselleiro puido avaliar cos empresarios do polígono do Corgo nun encontro mantido cos seus representantes trala conclusión da visita.

Así mesmo, o titular de Economía e Industria avogou por seguir traballando en colaboración cos concellos nos diferentes proxectos vinculados tanto cos parques empresariais, como cos investimentos en mercados e prazas ou coa iluminación pública exterior. Deste xeito, salientou Conde, nas últimas semanas a Consellería ten activado diferentes programas nestes eidos que mobilizan este ano preto de 2,5 millóns na provincia impulsando máis de medio cento de proxectos.

No caso concreto do Corgo, a Consellería de Economía e Industria ten mobilizado nos últimos 7 anos máis de 3 millóns promovendo diferentes actuacións que contribúen ao seu desenvolvemento económico e social. Deste xeito, estanse a impulsar proxectos de aforro e eficiencia enerxética que permiten aforrar máis de 15.000 euros ao ano, ou colabórase co tecido empresarial da comarca incrementando a súa competitividade.

14 de setembro de 2015 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.