O grupo DIA asegura que as acusacións dos gandeiros son falsas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O grupo DIA asegurou que as acusacións vertidas este martes polos gandeiros contra a compañía son “falsas” e alertou dos problemas de “seguridade” que se están producindo no seu centro loxístico do Polígono do Tambre, en Santiago, cercado polos tractores que participan na protesta do sector lácteo.

Fontes da empresa de supermercados aseguraron que é “falso” que esta se negue a asinar un acordo por un marco estable durante dous anos para proporcionar prezos dignos aos gandeiros, tal e como aseguraron os produtores durante as protestas, e lembrou que a firma está na mesa de negociación co Ministerio de Agricultura para alcanzar acordos neste sentido.

No marco destes encontros, apuntaron desde DIA, “aínda non hai ningún documento” e, cando o haxa, o grupo está disposto a “asinalo se se pode”, do mesmo xeito que anteriormente se asinaron outros”.

DIA sostivo, ademais, que non emprega “desde hai tempo” o leite como produto reclamo, aínda que admitiu que os prezos “baixaron en xeral” durante os últimos tempos, aínda que a nivel global.

OCUPACIÓN ILEGAL

A compañía cualificou o bloqueo ao que os gandeiros someten ao seu centro loxístico do Polígono do Tambre de “ocupación ilegal” e mostrou a súa preocupación pola “seguridade” dos seus empregados.

Nestes momentos, 120 traballadores e 30 camións permanecen dentro do “almacén bloqueado” polos tractores, unha actitude que DIA considera que non está “xustificada en ningún caso”, dado que discrepan das súas acusacións e aseguran que os produtores “non fixeron chegar nada” acerca das súas reclamacións á empresa.

Nestes momentos, a empresa está en contacto coas autoridades para reclamar “seguridade para os camións e as persoas” dentro da nave, “que teñen medo”.

CONSECUENCIAS ECONÓMICAS

Como consecuencia deste bloqueo, que permanece desde as 23.00 horas do luns, desde DIA alertan dos “problemas económicos” que poden xerarse en “outros produtores de produtos frescos da zona”, que non poderán realizar as súas entregas.

Así mesmo, e tras aclarar que as tendas quedarán desabastecidas en “24 horas”, a empresa lamentou as consecuencias económicas que esta medida terá para as súas franquías e os pequenos empresarios que operan co nome do grupo.

8 de setembro de 2015 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.