O goberno vilagarcián elevará ao pleno a súa proposta para reducir o IBI
O goberno local está ultimando a súa proposta de ordenanzas fiscais para o 2016. Tendo en conta que o cambio de goberno se produciu en xuño, nesta ocasión as modificacións serán mínimas á espera dunha revisión máis profunda a realizar o ano que vén con vistas ao exercicio fiscal de 2017. Con todo, este ano si haberá unha modificación substancial dunha ordenanza concreta: a o do Imposto de Bens Inmobles, cuxo tipo se verá reducido –sempre que unha maoiría da Corporación apoie a proposta do equipo de Alberto Varela- do 0,60 ao 0,58.
Como se sabe, este foi un dos grandes compromisos de goberno xa dende a campaña electoral: reducir o tipo do IBI do 0,60 ao 0,54 a razón de 0,2 puntos anuais, de xeito que así os vilagarciáns vexan reducida a carga impositiva derivada da revisión catastral posta en marcha baixo o mandato do anterior goberno. Tal revisión dos prezos catastrais implicará que durante dez anos os propietarios verán incrementar a súa tasación e, polo tanto, os recibos do imposto de bens inmobles. O único xeito de atenuar ese impacto é rebaixando o tipo que se aplica ao valor do inmoble e iso é precisamente o que se comprometeu a facer e agora propón ao pleno o equipo de Alberto Varela.
Aproveitando esta modificación, o goberno local quere facer tamén unha revisión do imposto que se aplica actualmente a edificacións levantadas en zonas non estritamente urbanas. Aplicando a actual norma, construcións como chalés ou casas unifamiliares pasaron a tributar por rústica e non por urbana, de xeito que se deron –e se están a dar- casos de certa inxustiza, como que un piso normal na cidade tribute máis que unha gran mansión situada nos extrarradio.
Con toda probabilidade, as ordenanzas fiscais serán debatidas en outubro, de xeito que así poidan entrar en vigor o 1 de xaneiro de 2016.











