O goberno vilagarcián é o primeiro interesado en que a Xunta se pronuncie sobre o centro comercial de Megasa
O primeiro interesado en que a Xunta se pronuncie sobre a posibilidade de que os antigos de terreos de Megasa alberguen ou non un centro comercial é o goberno vilagarciá. Dende logo, o equipo de Alberto Varela celebraría que o alcalde de Vilanova teña razón na inviabilidade dese centro, posto que “o noso modelo de cidade e de desenvolvemento económico non pasa polas grandes superficies, sexa aquí ou en Vilanova ou en calquera concello da comarca. Nós apostamos polo comercio de proximidade e proba diso é que o propio alcalde acompañou a Zona Aberta na súa entrevista coa directora xeral de Comercio”.
As alegacións do Concello de Vilanova aínda non chegaron ao de Vilagarcía, polo que dificilmente se pode facer unha valoración. Con todo, e visto o publicado, si é preciso lembrar que en Vilagarcía non existe unha ordenanza específica para solos de uso estritamente comercial. Tamén que, do mesmo xeito que se respecta a opinión dos “servizos xurídicos” dun concello veciño, igualmente haberá que respectar a labor dos servizos técnicos de Vilagarcía, que contan con arquitectos, arquitectos técnicos e licenciados en Dereito, e que -haberá que supoñer, tamén- “algo saben sobre cómo aplicar o Plan Xeral de Ordenación Municipal”. Ao respecto, cabe subliñar por exemplo que, de acordo co PXOM, o feito ata agora no solar da antiga Megasa só precisa dun estudio de detalle, non dunha modificación puntual, ou que a apertura dun vial non é algo novo, senón xa previsto no Plan Xeral, como efectivamente pode comprobar calquera que consulte as normas.
En todo caso, o goberno de Vilagarcía agradece ao alcalde de Vilanova a súa preocupación polo cumprimento estrito da legalidade, como sen dúbida fai nos asuntos que atinxen ao seu propio concello, e confía en que os informes da Xunta gobernada polo Partido Popular –de quen depende a concesión ou non da licenza- aclaren definitivamente se é viable ou non un centro comercial en Megasa.











