O goberno vilagarcián aclara que o Colexio de Rubiáns está exento do pago do IBI
Con independencia da súa titularidade, o recinto escolar de Rubiáns está exento do pago do Imposto de Bens Inmobles (IBI) posto que así o prevé a Lei Reguladora das Facendas Locais. En concreto, e segundo se recolle no artigo 62, sobre exencións, “estarán exentos los siguientes inmuebles… a/ Los que sean propiedad del Estado, de las comunidades autónomas o de las entidades locales que estén directamente afectos a la seguridad ciudadana y a los servicios educativos y penitenciarios, así como los del Estado afectos a la defensa nacional”.
En consecuencia, a quen correspondería o pago do IBI segundo o catastro en nada inflúe sobre a existencia dun seguro de responsabilidade civil ou sobre quen construíu ou ha de construír de novo un pavillón deportivo. A responsabilidade dos concellos é a de manter ou reparar os edificios educativos; cando se trata de edificacións novas a responsabilidade é plena da Consellería de Educación.
Para o goberno local, con independencia de foron os pais ou a Xunta ou os dous á vez quen construíu o ximnasio, o verdadeiramente transcendente é que a formación física forma parte do currículo educativo, ao igual que as matemáticas ou a lingua, e, polo tanto, o actual ximnasio está sendo utilizado para impartir tal ensinanza. Se a consellería considera que non cumpre coas condicións, debería evitar dar esas clases nese pavillón, e como está obrigada a ofrecer todas as materias, logo tería que garantir unhas novas instalacións que si cumpran coas condicións.











