O Goberno municipal de Ames visita as obras que se están executando entre os lugares de Cortega e Montemaior, na Ameixenda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+
Visita ás obras en Ameixenda

Visita ás obras en Ameixenda

Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Obras Públicas, Blas García, visitaron acompañados de técnicos municipais as obras que se están executando entre os lugares de Cotegada e Montemaior, pertencente á parroquia da Ameixenda. As autoridades municipais estiveron cun representante da empresa adxudicataria de ditas obras e co responsable do estudio técnico que redactou o proxecto. A través destes traballos, que están incluídos no Plan complementario de Obras e Servizos da Deputación, estase mellorando a capa de rodaxe deste camiño.

As obras que se están desenvolvendo na estrada que une os núcleos rurais de Cortega e Montemaior, ata chegar ao límite municipal dos concellos de Ames e Santiago de Compostela, consisten na mellora da capa de rodaxe nun tramo de camiño de 590 metros de lonxitude e 5,50 metros de ancho. Ademais, estes traballos tamén se están executando en tres abanicos cunhas dimensións de 15×20; 10×5; e 10×5 metros.

Para mellorar a capa de rodaxe desta estrada realizouse a apertura de gabias; a limpeza de salvagabias; a canalización de 25 metros de taxea de formigón de 40 centímetros de diámetro e de 84 metros de taxea de 60 centímetros; e a execución de sete arquetas con sumidoiro para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal. Tamén houbo que reparar as fochancas existentes. Para iso aplicouse unha capa de 20 centímetros de zahorra de canteira e 20 centímetros de grava.

Por último, aplicouse un tratamento asfáltico de seis centímetros de aglomerado. Con estes traballos ampliouse a calzada 0,75 metros en ambos lados. Ademais, vanse pavimentar dous treitos de 45×1,50 e 38×1,50 con quince centímetros de formigón. Tamén haberá que encargarse da sinalización horizontal e vertical co pintado de liñas en bordes e coa colocación unha sinal de Stop.

O alcalde de Ames, José Miñones, explicou que “se trata duns traballos necesarios para mellorar a estrada que une os núcleos rurais de Cortegada e Montemaior, na parroquia da Ameixenda”. Asemade, engadiu que “a través do POS 2016 seguirase mellorando e acondicionando a rede municipal de vías e camiños, prestando especial atención aos que se atopan en peor estado”.

25 de setembro de 2015 | 19:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.