O goberno lalinense sopesa baixar o recibo do IBI para incentivar o consumo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O Goberno municipal establecerá a partir do próximo ano unha rebaixa na cantidade que os contribuíntes pagan en concepto Imposto de Bens Inmobles. Con esta medida, de forte calado social, a gran maioría dos veciños e veciñas de Lalín verán como en 2016 lles baixa o recibo do IBI.

O executivo local -que se encontra en pleno proceso de elaboración dos orzamentos municipais para o próximo ano- está a analizar estes días as diferentes posibilidades existentes para aplicar esta rebaixa. Neste sentido, nas últimas semanas estanse a desenvolver diferentes simulacións de recadación para, con datos obxectivos enriba da mesa, optar por un modelo ou outro de rebaixa.

O obxectivo que persegue o Goberno con esta medida, en todo caso, está absolutamente claro e definido: trátase de reducir a elevada carga fiscal que sofren na actualidade os lalinenses a consecuencia da política económica desenvolvida polo anterior Goberno do Partido Popular. Outros dos obxectivos desta iniciativa pasan por reducir os atrancos para poder acceder a unha vivenda digna -aminorando o custe impositivo do seu mantemento- e, de forma paralela, incentivar o consumo, o que previsiblemente traerá como consecuencia engadida a reactivación económica do sector comercial e empresarial, que empezará a ser perceptible no derradeiro trimestre de 2016. 

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, é “consciente de que a rebaixa do IBI pode supoñer un esforzo importante para as arcas públicas, pero o esencial nestes momentos é que o Goberno teña a vista posta nos problemas reais da xente e que adopte medidas que sirvan para atenualos”. Neste sentido, o rexedor salienta a aposta por un modelo impositivo que teña en conta as necesidades das persoas, “fronte á presión fiscal insostible á que sometía o PP á veciñanza no medio dunha das peores crises económicas da historia”.

Conscientes de que a rebaixa do IBI, sexa cal sexa o modelo que finalmente se aplique, levará aparellada unha caída da recadación municipal, o Goberno tamén está a valorar as diferentes posibilidades para compensar a redución de ingresos. Unha das vías nas que xa se está traballando é a renegociación de diferentes préstamos para acadar unha baixada na amortización dos mesmos.

23 de setembro de 2015 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.