O goberno lalinense mostra o seu apoio á folga dos gandeiros en demanda dun prezo xusto para o leite

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
Reparto de leite na praza da Igrexa

Reparto de leite na praza da Igrexa

O Goberno Municipal dou hoxe unha mostra máis do seu apoio aos gandeiros lalinenses e en xeral a todo o sector lácteo galego, que mantén dende hai semanas unha folga en busca duns prezos dignos para o leite, que se intensificou nos últimos días debido á falta de acordos, coa posta en marcha de actos de bloqueo ás industrias e folga de entregas. No marco destas protestas, hoxe tivo lugar na Praza da Igrexa a entrega á cidadanía de centos de litros de leite, por parte de produtores da zona, que deste xeito simbólico queren dar relevancia á grave situación sectorial.

A este acto, acudiron como mostra de respaldo o tenente de alcalde, Nicolás González Casares e a concelleira de Medio Ambiente, Celia Alonso, que probaron e levaron varios litros do produto. Así mesmo, o edil de Actividade Gandeira, Xosé Manuel Hermida, participou como gandeiro na entrega do leite traído dende a súa propia explotación.

Todos eles mostraron en nome do Goberno a “profunda preocupación pola crítica situación que atravesan miles de explotacións debido aos baixos prezos” e desexaron “a pronta solución da crise” co alcance de acordos que “garantan un prezo digno para o traballo dos gandeiros e establezan sancións para as industrias que incumpran sistematicamente os contratos”.

15 de setembro de 2015 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.