O goberno lalinense apela ao civismo e á responsabilidade cidadá para evitar danos nos parques e xardíns municipais
A Concelleira de Medio Ambiente volveu facer hoxe un chamamento á responsabilidade cidadá e ao civismo para evitar os danos que se están detectando nos parques e xardíns do Concello. Aos danos ocasionados de forma habitual as plantas, sumáronse estes días os desperfectos detectados no sistema de rego do parque de Loriga, onde se inutilizaron tres aspersores e varias arquetas.
“Debido a estes problemas”, afirma Celia Alonso, “o rego estase a realizar de xeito manual, coa conseguinte perda de recursos públicos e de tempo dos operarios, que poderían estar actuando en outras zonas”.
Alonso lembra que o Goberno municipal, e nomeadamente a súa Concellería, están a facer un gran esforzo por recuperar os espazos públicos de Lalín. Por iso lamenta que se produzan actos vandálicos que afectan ao mobiliario e as instalacións do concello, “que ao final forman parte do patrimonio de todos os lalinenses”. “É de todos, disfrutámolo todos e pagámolo entre todos, así que todos deberiamos poñer da nosa parte para coidalo e mantelo”, remarca Alonso.











