O goberno de Vilagarcía destina 92.500 euros á melloras e obras de mantemento en sete centros socioculturais
Un total de sete centros socio culturais do municipio serán obxecto do Plan de Mellora deseñado polo Concello para levar a cabo nos vindeiros meses e no que se investirán 92.539 euros das arcas locais. O proxecto técnico aprobado na última Xunta Local de Goberno inclúe diferente tipo de arranxos e tarefas de mantemento nas instalacións de Carril, Fontecarmoa, Renza, San Roque, Carril, Castroagudín e Faxilde.
O proxecto licitarase nos próximos días a efectos de proceder á contratación dos traballos que teñen un prazo de execución de dous meses a contar unha vez asinado o contrato. As actuacións previstas no documento para cada centro sociocultural recolléronse en base a unha inspección previa realizada pola redacción do proxecto e en función das necesidades de cada unha das instalacións.
No centro de Carril os traballos centraranse en resolver problemas de filtracións e humidades. Para elo arranxarase a cuberta inclinada, substituiranse as tellas en mal estado, mellorarase a impermeabilización onde sexa preciso e limparanse os canalóns de recollida de pluviais. Tamén se repararán as claraboias e impermeabilizarase a cumbrera lateral orientada ao sur que xera humidades no interior do edificio polo mal estado no que se atopa. A carpintería metálica do ventanal da entrada principal reforzarase, recolocaranse as portas dos baños e pintaranse o interior de todas as dependencias previas eliminación das humidades.
As instalacións de Fontecarmoa e Renza precisan de menos traballos. Nas primeiras colocarase unha cancela automatizada na entrada principal, limpiranse as pintadas da fachada e pintarase de novo; mentres que nas de Renza suministrarase un contedor de obra e dotarase ao centro de banquetas.
Todos os traballos a realizar no centro sociocultural de Faxilde serán no interior das dependencias a efectos de completar e melloralas. Adecuarase o salón de actos mediante chapado de pladur nas paredes, recercado de ventanais e portas, solado de terrado, teito de perlita escaiolada e posterior pintura. Tamén se prevé a construción dun baño completo complementario e a preparación dun pequeno almacén.
As humidades son o principal problema detectado no centro sociocultural de Guillán e as actuacións previstas no plan teñen como obxectivo solucionalas. Para elo actuarase na xunta dos módulos frontal e vertical do salón de actos, arranxaranse as fisuras e sanearase a zona para proceder ao posterior pintado. Tamén se pintarán os teitos nas entradas laterais e repasaranse os pasamáns.
No edificio de San Roque os traballos previstos consistirán na limpeza e reparación da cuberta inclinada, na limpeza do canalón perimetral de recollida de pluviais e no pintado exterior.
Por último, no centro socio cultural de Castroagudín levantarase o pavimento de madeira existente e colocarase bordillería de formigón e bolardos metálicos na liña de xogos infantís. Na entrada principal habilitarase un solado continuo de formigón e habilitaranse ramplas ata o nivel existente na entrada do edificio, Tamén se formarán caídas para a evacuación das augas.











