O goberno de Lalín subirá os impostos por utilización de espazo público aos caixeiros automáticos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O Goberno municipal de Lalín ten previsto incrementarlles os impostos que se lles cobran ás entidades financeiras asentadas na localidade pola utilización que fan do espazo público os seus caixeiros automáticos. Con esta medida, o Concello pretende compensar os constantes e, en moitos casos, abusivos cobros de comisións que lles están a aplicar os bancos aos seus clientes polo simple feito de sacar diñeiro. O alcalde, Rafael Cuíña, afirma que “polo menos así lograremos que eses aumentos inxustos nas comisións repercutan vía impostos municipais no interese público de todos os lalinenses”.

Cuíña e o seu equipo veñen de tomar esta decisión despois de comprobar como as principais entidades financeiras do Estado, “moitas delas rescatadas con cartos públicos”, están a pactar  o cobro de comisións desproporcionadas e inxustificadas. “Non pode ser”, di o rexedor, “que o simple feito de acceder aos teus propios cartos a través dun caixeiro teñan uns custes engadidos que para moita xente son inasumibles nesta época de crise.

Rafael Cuíña lembra ademais que a xestión realizada nos últimos anos en moitas entidades financeiras “ten moito que ver coa orixe dunha nefasta situación económica que está a ter terribles consecuencias para moitas familias galegas”. “Esa xestión”, segundo o alcalde, “situou á beira do precipicio a moitos bancos para os que o Estado español tivo que solicitar un recaste, con todas as consecuencias que iso implicou, como os recortes en servizos públicos esenciais como a educación ou a sanidade e con importantes retrocesos en dereitos laborais e civís”. 

Cuíña sostén que agora “é de xustiza” que os bancos, “que cada vez recadan máis por ofrecer servizos elementais aos seus clientes”, tamén contribúan en maior medida “ao ben común dos cidadáns e cidadás que lles ceden un espazo público para  instalar os seus negocios privados”. Conclúe o rexedor que os responsables das entidades financeiras deben “empezar a ter claro que ademais de mirar pola súa rendibilidade económica tamén deben mirar pola súa responsabilidade social”.

O incremento dos impostos que se lles cobran aos bancos pola utilización do espazo público dos caixeiros automáticos reflectirase nos orzamentos municipais para o vindeiro ano, previa modificación da ordenanza municipal correspondente. Esta medida vai na liña da que xa se aplicou ao inicio do mandato e que supuxo a retirada de uns 600 mil euros da conta que o Concello ten en Bankia. Neste caso a decisión adoptárase en sinal de protesta e reprobación pola gran cantidade de desafiuzamentos que está a executar esta entidade financeira e por “arruinar a moitos empresarios”.

11 de setembro de 2015 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.