O goberno de Lalín impulsa unha ordenanza para regular o uso dos locais sociais de propiedade municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O Goberno municipal está a traballar no artellamento dunha ordenanza que regule os usos dos locais sociais de propiedade do Concello de Lalín. Dito regulamento vén impulsado polo tenente de alcalde, Nicolás González Casares e pola concellería de Rural que encabeza Miguel Medela.  O Concello de Lalín é propietario de varios locais sociais ubicados nas distintas parroquias do seu termo municipal, que veñen sendo utilizados de xeito habitual polos veciños ou asociacións que integran a localidade.

O Concello considera necesario regular os usos para que non se desenvolvan actividades externas con ánimo de lucro en locais de propiedade municipal, o que ademais suporía unha competencia desleal para os establecementos privados que se dedican a esas mesmas actividades. Así mesmo, o Concello, como propietario e xestor dos centros sociais, é responsable de calquera suceso que aconteza nos mesmos, de xeito que, no caso de que por exemplo, se producise un accidente, podería ter consecuencias para os intereses municipais, ao descoñecerse a actividade que se está realizando, ou as características da mesma. Diante desta situación, faise necesaria a regulamentación do uso de ditos centros sociais, co fin de determinar que tipo de actividades poden ser desenvolvidas nos mesmos, así como as entidades ou persoas que poden levalas a cabo e o procedemento de autorizacións.

Tal e como recollen os estatutos da ordenanza, os usos principais dos centros deben ir enfocados á ofrecerlles ás asociacións, veciños e entidades cidadás a infraestrutura necesaria para a realización de actividades de iniciativa popular ou daquelas planificadas dende a propia asociación. As utilizacións prioritarias serán aquelas que fomenten o asociacionismo, a formación integral dos cidadáns e a interacción social e veciñal. Estas nunca poderán ter ánimo de lucro e non se poderán celebrar aquelas que supoñan un acto de competencia desleal cos profesionais libres da zona. Así e todo, con carácter excepcional, o Concello de Lalín poderá outorgar o centro a profesionais, empresas ou asociacións con ánimo de lucro, sempre que se trate de actividades puntuais de carácter informativo ou divulgativo e, en todo caso, sexan de carácter gratuíto. 

As solicitudes de uso dos coñecidos como teleclubs, deberán presentarse cunha antelación mínima de 15 días do inicio da mesma no Rexistro Xeral do Concello. No caso de que sexan actividades puntuais non programadas deberán ser presentadas con 24 h. de antelación e nunca poderán afectar a outras xa organizadas. O responsable da apertura dos centros sociais será o alcalde de aldea, que tamén deberá verificar o axeitado estado do local unha vez rematen as actividades, e informar ao Concello, de ser o caso, sobre o incumprimento das obrigas dos usuarios.

16 de setembro de 2015 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.