O goberno de Lalín activará este mes a comisión do rueiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O Goberno municipal de Lalín ten previsto aprobar no pleno ordinario de setembro a posta en marcha da comisión que decidirá, de forma consensuada e plural, os nomes das rúas de Lalín que aínda carecen del. Este órgano terá carácter consultivo e estará formado por expertos sen cargo político, pero que, en todo caso, serán propostos polos diferentes partidos con representación plenaria. Tamén serán membros desta comisión -que estará presidida polo alcalde- os portavoces de cada un dos grupos políticos do Concello de Lalín.

Con esta composición garántese a pluralidade á hora de escoller os nomes para bautizar as rúas que  aínda non o teñen. A activación da comisión do rueiro tamén servirá para dar cumprimento a un dos acordos recollido no pacto do Goberno de integración e para avanzar na recuperación da memoria histórica, tal e como recolle o documento que define as liñas programáticas acordadas polo actual executivo.

A posta en marcha desta comisión xorde da necesidade de bautizar o elevado número de rúas sen nome que hai en Lalín. A intención desta medida é facilitar o coñecemento e a localización das rúas, non só para o servizo de correos ou as empresas de transporte, senón para a veciñanza en xeral. 

Tamén se pretende dotar de identidade propia ás rúas que non foron bautizadas no seu momento e, en boa medida, recuperar os topónimos tradicionais de Lalín e que se foron perdendo co paso do tempo. O propósito do Goberno municipal é bautizar as rúas sen demasiada demora, pero facéndoo sempre con consenso.

7 de setembro de 2015 | 17:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.