O goberno de Cuíña reclama unha unidade de hemodiálise ambulatoria para Lalín
O grupo de Goberno de Lalín presentará unha moción no pleno ordinario de setembro na que se lle esixe á Consellería de Sanidade, da Xunta de Galicia, a posta en marcha dunha unidade de hemodiálise ambulatoria na localidade. A dotación deste servizo tería que contar con todas as garantías de persoal e medios técnicos e o seu principal obxectivo sería evitar que os pacientes renais crónicos da vila tivesen que desprazarse varias veces á semana a Santiago para someterse ao tratamento.
A día de hoxe calcúlanse nun mínimo de 25 pacientes os que se someten de xeito continuado a hemodiálise tradicional na comarca. A cifra de doentes mantense e manteranse ao longo do tempo mentres non haxa outro tipo de tratamentos ao seu alcance e os datos epidemiolóxicos non varíen, aínda que os pacientes non sexan sempre os mesmos.
A atención sanitaria especializada ás veciñas e veciños de Lalín vense prestando maioritariamente no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Ese centro atópase a máis de 50 quilómetros do casco urbano da vila, e incluso a distancias maiores para pacientes de algunhas parroquias.
Ademais, unha gran parte dos pacientes renais crónicos en fase avanzada necesitan realizar hemodiálise tradicional unha media de 3 veces á semana, o que supón unha media de 6 viaxes semanais e os obriga a realizar prolongadas rutas en ambulancia ou en coches particulares cos conseguintes gastos. É habitual que estes pacientes saian de madrugada cara a Santiago e retornen aos seus domicilio pasadas as 14.00 ou 15.00 horas da tarde, e así de xeito continuado todas as semanas do ano.
O tenente de alcalde e concelleiro de Saúde Pública, Nicolás González Casares, subliña que “estes pacientes crónicos teñen unha saúde delicada e inestable, polo que as prolongadas viaxes aumentan a posibilidade de sufrir algún evento de saúde complexo sen unha asistencia sanitaria especializada, fundamentalmente nas viaxes de ida”. Casares tamén apunta que “os veciños e veciñas de Lalín levamos moitos anos esperando polo Centro de Alta Resolución (CAR), pero no caso dos pacientes renais crónicos sometidos a hemodiálise tradicional esta espera é moito mais angustiosa xa que a súa delicada saúde non permite unha espera tan prolongada por esta infraestrutura”.











