O goberno de Cuíña iniciará as xestións para que o pan de Lalín conte cunha marca propia
O Concello de Lalín iniciará o proceso para poñer en valor en valor o pan de Lalín. Este tradicional produto non so forma parte da tradición gastronómica da vila pola súa calidade e o seu recoñecemento, senón tamén da tradición cultural, xa que en tempos a bola de pan era o premio que se establecía nas competicións de regueifa.
Agora, a intención do Goberno municipal é volver a xuntar pan e regueifa para poñer en valor o produto gastronómico, dotalo dunha marca propia e avanzar así na posible consecución, a medio prazo, dunha Denominación de Orixe. Neste ambicioso proxecto contarase coa participación e a opinión dos panadeiros da vila, aos que se convocará a unha reunión que terá lugar, previsiblemente, na segunda semana do mes de outubro.
O obxectivo é que o Concello e os representantes do sector vaian da man á hora de definir a estratexia e programar as accións necesarias para potenciar o pan de Lalín como produto de elevada calidade e con características que o diferencian do que hai noutras zonas de Galicia.
Dentro das actividades que se van organizar para visibilizar o papel do pan de Lalín, o Concello ten previsto desenvolver un festival de Regueifas. As regueifas son competicións de enxeño, cantadas e cun toque de humor, nas que dúas persoas rivalizan en destreza verbal e dialéctica botando sempre man da retranca. Tradicionalmente, o premio que se daba á persoa que gañaba a competición da regueifa era unha bola de pan, galardón que tamén se empregará no festival que ten previsto organizar o Concello.
O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, agarda que estas iniciativas non só sirvan para acadar “o recoñecemento oficial que merece o pan de Lalín, senón tamén para incrementar o recoñecemento popular que xa ten dende hai anos e que por suposto se estende máis alá dos límites do noso municipio”. Cuíña tamén destaca as “enormes posibilidades que abren -tanto para a promoción deste pan como para a creación dunha marca propia- o feito de vinculalo, como se facía antigamente, coa regueifa, o que tamén redundará positivamente na marca En Lalín cultura é = vida”.











