O goberno de Cuíña impulsa a elaboración dun estudo coas necesidades de comerciantes e veciños ante o proceso de peonalización

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
Reunión do alcalde e o presidente da AED

Reunión do alcalde e o presidente da AED

O Concello de Lalín elaborará un estudo para poder dar resposta da maneira máis eficaz ás necesidades e retos que se lle plantexan a comerciantes e veciños ante o inicio do proceso de peonalización, que comezará o vindeiro 22 de decembro co peche ao tráfico dun treito da rúa Principal e de toda a rúa Xoaquín Loriga. Esta análise realizarase coa axuda dun experto neste tipo de iniciativas e en estreita colaboración coa Asociación de Empresarios do Deza.

Precisamente, o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, mantiña esta mañá un encontro co presidente da AED, Antonio Lamas. Foi unha reunión na que ambos se comprometeron a ir da man neste proceso que ten por principal obxectivo humanizar o centro de Lalín, ao tempo que se potencia a actividade comercial e se dinamiza a vida social e cultural da vila.

Na xuntanza tamén participou José Manuel Bouzón, un consultor especializado en investigación de mercados e distribución comercial que xa ten participado en numerosos procesos de peonalización en diferentes puntos de Galicia e España. Bouzón será o encargado de desenvolver nas vindeiras semanas o estudo que definirá cales son as vantaxes que terá o novo modelo urbano para o comercio local e cales son os retos aos que se teñen que enfrontar os comerciantes para sacarlle a maior rendibilidade a esta iniciativa.

A análise da situación que vai a desenvolver Bouzón estará dividida en dúas partes: en primeiro lugar vaise realizar un estudo sobre a oferta comercial das rúas implicadas. Con este estudo elaborarase un censo comercial e de servizos e tamén se realizarán entrevistas a comerciantes para coñecer cal é a súa opinión sobre as súa principais necesidades. En segundo lugar vaise facer un estudo da demanda, contando coa participación de veciños e clientes. 

Con estes datos na man poderán definirse as accións que deben acompañar ao peche das rúas para sacarlle o maior partido. O alcalde anunciou que o concello xa está a traballar no plan de dinamización que se vai a desenvolver, de forma coordinada coa AED, nas rúas peonalizadas durante a campaña de Nadal, “unha das mellores épocas para iniciar este proceso, segundo os expertos consultados”. Así, “o peche das rúas ao tráfico irá acompañado de medidas complementarias que potencien a actividade lúdica e comercial durante eses días”. 

Por outra banda, o alcalde afirmou que non descarta sumar a esta primeira fase do proceso de peonalización o peche ao tráfico do treito da rúa Luís González Taboada que vai entre a rúa Laxeiro e a entrada do parking Europa. “Desta maneira dariamos resposta á demanda que me leva realizando moita xente nas últimas semanas”, conclúe.

Rafael Cuíña reitera que a intención do Goberno neste caso “non é a de impoñer nada, senón a de aplicar a pedagoxía para que todo o mundo vexa cales son os beneficios da peonalización”. “Temos que concienciar á xente”, di Cuíña, “para que comproben cales foron os resultados en outras vilas semellantes a Lalín, pero tamén para que  se decaten -a través de datos obxectivos e contrastados e da opinión dos expertos- de que a peonalización sempre trae un impulso da actividade comercial”.

17 de setembro de 2015 | 19:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.