O goberno de Ames reúnese cos representantes dos traballadores municipais
O Goberno de Ames comprométese a aprobar a principios do ano que ven os horarios de todo o persoal do Concello e regularizar os horarios especiais, a eliminar dos contratos firmados a partir do 2 de agosto de 2011 a cláusula pola que “o traballador comprométese á utilización do vehículo da súa propiedade para realizar os desprazamentos que se lle requiran na prestación dos seus servizos” e a que unha representación dos traballadores estea presente nas sinaturas na sinatura dos novos contratos que se formalicen no Concello de Ames. Estes son algúns dos acordos aos que se chegou na Mesa Xeral de Negociación que se desenvolveu entre o Goberno, o Comité de Empresa e a Xunta de Persoal do Concello de Ames hoxe, 15 de setembro de 2015.
Na Mesa Xeral de Negociación, o goberno de Ames comprometeuse a aprobar a principios do ano que ven os horarios de todo o persoal do Concello, agás os das Escolas Infantís que se aprobarán co tempo suficiente antes do inicio do curso escolar. Asemade o goberno regularizará todos os horarios especiais do persoal municipal e o ligará á elaboración dun regulamento do pagamento das horas extras.
Nesta reunión cos traballadores municipais, o Goberno decidiu eliminar a cláusula adicional segunda que aparece nos contratos firmados a partir do 2 de agosto de 2011 e que di literalmente: “O traballador comprométese á utilización do vehículo da súa propiedade para realizar os desprazamentos que se lle requiran na prestación dos seus servizos, sempre e cando sexa necesario, e percibindo por ese concepto a indemnización que corresponda como gasto de viaxe por uso de vehículo particular”. Desde a parte sindical entendíase que “esa cláusula é abusiva pois establece un requisito que non parece recollido nin nas bases que deron lugar a esas contratacións, nin en ningún posto da Relación de Postos de Traballo do Concello de Ames”, polo que os representantes dos traballadores solicitaron que “se modifiquen os contratos asinados ata de agora que conteñen dita cláusula, co obxecto de proceder a súa eliminación” e que a partir de agora, a representación dos traballadores estea presente na sinatura dos novos contratos que se formalicen no Concello de Ames”.
Outro dos acordos aos que se chegou foi o de convocar para o 30 de setembro a Comisión para elaborar o regulamento de xestión das listas de garda. Acordouse tamén o pagamento antes de finais de ano do 26% da paga extra de decembro de 2012 que está pendente de pago. Para abordar este pagamento será necesario facer unha modificación de crédito que se vai a tratar no vindeiro pleno de outubro. O 50% restante que está pendente de pago queda ligado á aprobación do orzamento de 2016.
Por último foi aprobada a proposta do Comité de Empresa e da Xunta de Persoal de que, en anos sucesivos, se compense con días de permiso os festivos estatais, autonómicos ou locais reflectidos no calendario laboral que coincidan en sábado, e non sexan trasladados pola Autoridade Laboral competente. No caso dos días 24 e 31 de decembro cando coincidan en sábado ou domingo. Como regra xeral, serán compensados con días de permiso, que se poderán unir tanto aos asuntos particulares como ás vacacións, agás que se estableza outro mecanismo de compensación negociado coa representación sindical. En concreto para este ano 2015 serían dous días a compensar, por coincidir en sábado o 25 de xullo, festivo de ámbito autonómico, e o 15 de agosto, festivo de ámbito nacional, este último xa compensado polo goberno mediante o Decreto 1026/2015, de 30 de xuño.











