O Goberno de Ames deseña un operativo especial para mellorar a seguridade viaria no comezo do curso escolar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Reforzo da presenza policial nos puntos de acceso aos centros educativos, semáforos na Avenida da Peregrina e posta en marcha dunha zona de aparcamento no espazo exterior do Pavillón Polideportivo de Bertamiráns co obxectivo e que as familias que levan os nenos e as nenas ao CEIP A Maia non ocupen cos seus vehículos a entrada do colexio, mellora da sinalización nas inmediacións do CEIP de Barouta e o CEIP A Maia, incremento dos controis de velocidade e mantemento da patrulla escolar que o Concello contrata como reforzo para a entrada e saída das clases son algunhas das medidas nas que o goberno está traballando para regular o tráfico e garantir a seguridade na contorna dos colexios cara o inicio do curso escolar o 10 de setembro.

O alcalde José Miñones, o concelleiro de Educación, David Santomil, o concelleiro de obras Blas García, e o inspector xefe da Policía Local, José Antonio Rodriguez manteñen estes días reunións de traballo para trazar un plan que garanta a seguridade na contorna dos centros escolares – CEIP A Maia, CEIP de Barouta, CEIP Agro do Muiño, EEI do Milladoiro e CEP de Ventín- e regule o tráfico de vehículos e o transporte escolar.
Froito destas reunións acordáronse unha serie de actuacións que se levarán a cabo o dez de setembro, día do inicio do curso escolar e outras medidas que se manterán ao longo do curso escolar.

Zona de aparcamento nas inmediacións do CEIP A MAIA

Dada a singularidade e a problemática específica existente no CEIP a Maia, problemática que comparte co IES de Bertamiráns que comeza as clases uns días máis tarde, e despois de seren retirada a pasarela que cruzaba a Avenida de Negreira á altura dos centros educativos e que case ninguén utilizaba, habilitáronse semáforos fronte ao colexio e a habitual patrulla escolar axudará a regular o paso un pouco máis arriba, situándose no paso de peóns que está máis próximo á rotonda da autovía AG56. A patrulla, que contrata o concello como reforzo na entrada e saída das clases, permanecerá durante todo o curso activa, axudando a regular o tráfico nas inmediacións deste colexio e o IES de Bertamiráns.

Porén esta non será a única medida que se tome neste punto de conflito da comunidade educativa de Ames. O Concello habilitará unha zona de aparcamento no recinto do Pavillón Polideportivo de Bertamiráns para que os pais e as nais que acompañan ao colexio aos fillos e fillas deixen alí os seus vehículos, despexando a zona da entrada do colexio pola Avenida da Peregrina. A intención final é que durante o primeiro trimestre do curso se fagan probas neste senso coa intención de finalmente dotar dunha dársena para o transporte escolar do IES de Ames no recinto do Pavillón Polideportivo. Ademais preténdese que no futuro, se esta medida resulta axeitada, o alumnado do IES entre desde ese lugar á parte traseira do centro educativo. Ata que este proxecto se materialice, o transporte escolar realizará as súas paradas nos lugares habituais.

“Desde o goberno municipal recomendamos ás familias que acompañan aos nenos e nenas ao colexio, que na medida do posible utilicen para aparcar este recinto anexo ao Pavillón Polideportivo de Bertamiráns para evitar aglomeracións de tráfico e facilitar a entrada aos colexios”, manifesta Blas García, concelleiro de Obras e Públicas e Servizos Básicos, quen tamén pide comprensión ás familias “polas deficiencias que poidan xurdir” e manifesta o compromiso do goberno de “seguir mantendo un contacto directo con ANPAS, profesores e a comunidade educativa en xeral, para continuar abordando conxuntamente os problemas que poidan xurdir e deste xeito mellorar ás condicións nas que se desenvolve o proceso educativo en todo o o Concello”.

Máis controis de seguridade no CEIP de Barouta

Outro dos puntos conflitivos no canto do tráfico ás horas en que entran ou saen os nenos e nenas das clases, é o CEIP de Barouta. Aquí o goberno municipal de Ames ten previsto mellorar a sinalización, reforzar a presenza policial e incrementar os controis de velocidade. Esta última medida está previsto que se aplique nas inmediacións do resto dos Centros Educativos de Ames, especialmente na contorna do CEIP A Maia.

Experiencia piloto

Por outra banda o Concello, en colaboración cos centros educativos, proxecta desenvolver unha experiencia piloto de mobilidade sostible e seguridade, no marco do plan “Proxecta” que inclúe diferentes actuacións de concienciación e sensibilización coa seguridade viaria. Prevense, neste senso e nunha segunda fase, realizar intervencións urbanísticas encamiñadas a mellorar a accesibilidade aos centros educativos e promover o traslado a pé aos colexios.

“Baseándonos nas ideas do psicopedagogo italiano Francesco Tonucci e os seus estudos sobre o papel dos nenos e nenas no ecosistema urbano, rollidas no proxecto “A cidade dos nenos”, aplicado xa en moitos lugares do mundo, queremos implicar a través dunha campaña de concienciación a toda a comunidade educativa na responsabilidade de facer de Ames un concello fácil, atractivo e seguro para a infancia e un bo xeito de comezar é precisamente a mellora da seguridade viaria para este sector de poboación e a súa implicación responsable en todo o proceso”, declara o concelleiro de Educación, David Santomil, que ademais engade que “con este operativo especial e coas actuacións realizadas en materia de seguridade viaria nos centros escolares damos cumprimento ao noso compromiso electoral, pero aínda queda moito por facer”.

8 de setembro de 2015 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.