O goberno de Ames comeza a rolda de visitas polas parroquias para amosar o inventario municipal
O goberno municipal comeza hoxe, ás 20:00 horas, unha rolda de visitas polas parroquias do termo municipal co fin de poder amosar o inventario municipal a toda a veciñanza amesá a as asociacións de veciños. Nesta primeira xuntanza, que se celebrará en Agrón, participarán o alcalde, que estará acompañado de varios concelleiros/as do goberno municipal, así como dun asesor xurídico e un traballador da área de secretaria municipal. Este inventario, que foi elaborado pola empresa Tragsatec, tamén se pode consulta na páxina web municipal e no departamento de secretaría municipal, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas.
Debido á complexidade que conforma o inventario municipal, xunto coa coincidencia co período estival, o trámite de información previa dun mes conferido polo decreto do 7 de xullo resultou insuficiente. Por esta razón, o rexedor municipal resolveu o pasado 31 de xullo abrir un novo trámite de información previa de tres meses, co fin de que dito inventario poida ser examinado e analizado por todos os interesados, especialmente as asociacións de veciños do termo municipal.
Para facilitar a exposición de dito inventario, o goberno municipal decidiu realizar un rolda de visitas polas parroquias do concello. Deste xeito, hoxe estarán en Agrón e o vindeiro mércores, 30 de setembro, irán á parroquia da Ameixenda. A rolda de visitas continuará durante todo o mes de outubro e rematará o próximo 4 de novembro. Todas as reunións realizaranse ás 20:00 horas.
Dende hoxe e ata o 4 de novembro celebraranse un total de trece reunións informativas en Agrón, Ameixenda, Augapesada, Oca, Cruxeiras, Bugallido, Biduído, Covas, Lens, Piñeiro, Tarroeira, Tapia e Trasmonte. Nestas xuntanza participarán o alcalde, que estará acompañado de varios concelleiros/as do goberno municipal, así como dun asesor xurídico e un traballador da área de secretaria municipal. Todas as persoas que desexen poñer algunha reclamación poderán facelo nestas xuntanzas. Para elo tan só terán que cubrir os impresos que se achegarán para tal fin.
Cómpre lembrar que a actualización do inventario municipal de bens e dereitos comezouse a abordar en marzo de 2010, momento no que se lle encargou á empresa Tragsatec a realización dos traballos de elaboración e actualización do inventario municipal do Concello de Ames. Tras dun largo período de traballo o devandito inventario foi entregado en soporte papel e dixital o pasado 16 de decembro de 2014.
Bens e dereitos das parroquias amesás
Neste documento recóllense os bens e dereitos das once parroquias amesás: Agrón, Ameixenda, Ames, Biduído, Bugallido, Covas, Lens, Ortoño, Piñeiro, Tapia e Trasmonte. Deste xeito, contén información sobre os inmobles urbanos e rústicos; bens histórico-artísticos; vehículos; viarios; dereitos reais; mobles; semovintes; créditos persoais e valores mobiliarios.
O inventario dispón da relación de todas as propiedades municipais xunto coa valoración do patrimonio. Este documento será unha ferramenta de traballo e un instrumento de xestión municipal moi útil para o Concello, xa que, entre outras cuestións, conta cun inventario onde están actualizados os datos de todas as súas propiedades.











